A data mais probable de construción da igrexa sería 1179, segundo a inscrición que se pode ver na porta occidental, lida por Bango Torvisco como ERA : M P C : X V II Era milésima (¿?) centésima décima séptima. Non podendo ser a P descifrada de xeito coherente.
Dita porta occidental posúe unha arquivolta lisa que descansa en dúas columas coas bases enterradas. Alberga o tímpano, dunha soa peza facendo lintel e con dous lóbulos na parte inferior, sobre os que está a mencionada inscrición. A parte superior do tímpano está decorada con catro pequenos arcos e no centro ten esculpida unha flor de oito pétalos con botón central. O templo tamén conserva da época románica os muros coas súas cornixas e varios canzorros.
Tanto a ábsida como a parte superior da fachada son de época barroca.
Os capiteis románicos do arco triunfal consérvanse no museo de Pontevedra.
Conta a tradición que esta igrexa ten lazos Templarios, tradición que se repite en varios templos da mesma área como na igrexa de Bermés.