A parroquia de Bermés aparece mencionada nos documentos do bispo Odoario no século VIII. A igrexa primitiva foi substituída no século XII por outra de feitura románica. No seu entorno atopáronse varias estelas funerarias romanas dos séculos I-III.
Conserva da súa fábrica románica parte dos muros laterais, neles pódense apreciar métopas decoradas con estrelas de oito puntas ou con flores de pétalos redondos e botón central, así como canzorros con forma de follas, personaxes sentados, aves e cabezas de animais.
A cabeceira e a fachada occidental foron remodeladas a mediados do século XIX. No museo de Pontevedra consérvanse catro capiteis románicos desta igrexa, probablemente pertencentes ao arco triunfal e ao arco faixón da ábsida.
Antes de entrar no atrio da igrexa podemos admirar o centenario carballo, inscrito no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia.