Ruta alternativa do Camiño Francés, é o único que pasa polas catro provincias galegas. Os peregrinos tomábano para evitar a dureza da subida aos cumes do Cebreiro no inverno. Esta variante parte de Ponferrada seguindo o curso do río Sil por O Bierzo, Valdeorras, e o sur da provincia de Lugo. Transcorre por lugares de gran beleza como As Médulas (Patrimonio da Humanidade), a Ribeira Sacra ou as vilas de Monforte e Chantada.
Entra na provincia de Pontevedra por Rodeiro, a través do val de Camba. Un par de quilómetros despois de cruzar a ponte medieval de Pedroso, chega ao concello de Lalín. Atravesando unha fermosa paisaxe de prados e carballeiras chega a Lalín de Arriba onde nos recibe un magnífico cruceiro do s. XVII, o mais antigo do municipio; mais adiante atopamos a igrexa románica de S. Martiño, vestixio do desaparecido mosteiro medieval. A partir de aquí o peregrino pode optar por continuar camiño ou deterse no núcleo urbano de Lalín onde atopará todo tipo de servizos: aloxamento, restauración, saúde, compras...
Non debería pasar sen probar as súas afamadas carnes, sendo o “Cocido de Lalín” o prato estrela, pero sen esquecer o churrasco, a richada, etc., e comprar os seus excelentes produtos locais: embutidos, queixo, mel ou o moi apreciado pan de Lalín.
O Camiño de Inverno continúa, no seu tramo final pola vila, percorrendo o agradable Paseo Fluvial do Pontiñas. Antes do final do Paseo desviámonos para cruzar, en O Espiño, a estrada N-525 seguindo ata a Carballeira das Casianas e atravesando o parque empresarial por unha zona verde, no final do mesmo, usando a vía de servizo, cruzamos a autoestrada por un paso subterráneo que nos leva ata o albergue de peregrinos de A Laxe, na parroquia de Bendoiro. Aquí, o Camiño de Inverno xúntase co Camiño do Sueste continuando cara a Santiago.