No concello de Lalín, a habilidade dos canteiros ten un dos seus maiores expoñentes na arquitectura relixiosa. O granito é a pedra na que, ó longo dos séculos, se reflicte tanto a devoción do pobo, como o magno poder da igrexa.
O aficionado á arte relixiosa atopará pequenas e recollidas igrexas representativas do románico rural, pero tamén construcións impoñentes e solemnes como o santuario neoclásico de Nosa Señora do Corpiño, en Losón. A igrexa de Santa Baia de Palio fará as delicias de aqueles que desfrutan coas liñas sinxelas do románico inicial. Noutra Santa Baia, a de Donsión, o visitante recoñecerá a pegada dos mestres do barroco compostelán. Son estes dous estilos, románico e barroco, os máis abondosos, mais tamén hai interesantes vestixios do período gótico coma en Santa María de Soutolongo, onde, ademais, podemos admirar as súas pinturas murais e os sepulcros dos señores de Des.
A mestría do canteiro cobra especial relevancia na construción dos cruceiros. Erixidos por motivos diversos, o poder dos cruceiros é tal que segundo as lendas, quen neles se refuxie, non poderá ser obrigado a formar parte da Santa Compaña, a misteriosa procesión de ánimas que vaga polas noites de Galicia. Sexan ou non certas as lendas, os cruceiros son un dos elementos relixiosos mais típicos desta Comunidade. O mais antigo do municipio, o de Lalín de Arriba, data de 1675. Aínda hoxe se seguen a levantar cruceiros, especialmente como decoración, xa que seguen a ser símbolo da identidade da nosa terra.
Percorrer o patrimonio relixioso do concello descubrindo figuras de animais mitolóxicos, cunchas de vieira testemuñas do paso de peregrinos cara Compostela, ou os sinais da presencia da Orden do Temple, será unha experiencia fascinante para quen preste atención aos pequenos detalles, eses que fan de cada construción un exemplar único.
As mostras de arte relixiosa mencionadas anteriormente son só algunhas das máis representativas.