Arquitectura Civil

O pasado e o futuro converxen en Lalín. Pontes medievais de pedra coma a Ponte Taboada ou a Ponte dos Cabalos conviven coa acristalada arquitectura de vangarda do Castro Tecnolóxico. Na vangarda científica estivo tamén o que foi o primeiro observatorio astronómico de Galicia, construído por Don Ramón Mª Aller en 1924, e no que, a día de hoxe, despois do seu acondicionamento, se levan a cabo visitas e actividades de observación do firmamento.

Como exemplo de arquitectura industrial, pervive o edificio da fábrica de papel de Rodís, fundada arredor do ano 1850, hoxe vivenda familiar.

Os pazos, as construcións mais características da nobreza fidalga de Galicia contan no municipio con mais de trinta exemplares. Algúns, privados dos seus moradores, resisten a duras penas o paso do tempo, mantendo a súa dignidade, mirando con esperanza ao Pazo de Liñares que estivo a punto de converterse en sombra de si mesmo e que agora, renacido coma unha ave fénix, móstrase aos visitantes en todo o seu esplendor. Outros conservan a súa función de vivenda, ou convertéronse en establecementos rurais que acollen co seu señorío aos seus privilexiados hóspedes.

E se o que se quere é desfrutar da arquitectura popular, basta con dar un paseo polo rural para admirar construcións funcionais coma os muíños de auga, hórreos, lavadoiros, ou os balados de pedra que son a alma da nosa paisaxe.

Pazo de Liñares

Pazo de estilo barroco do século XVII. Foi casa dos Taboada, unha das linaxes mais importantes de Galicia.

Estivo habitado ata principios do século XX, pero a súa época de maior esplendor foi no século XIX, cando persoas senlleiras da época pasan tempadas nel. Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo ou Emilia Pardo Bazán introducen o Pazo na literatura. Neste pazo naceu e foi bautizado Joaquín Loriga Taboada, quen no 1926 formou parte do raid aéreo Madrid – Manila, o que representou un fito na historia da aviación.

Nos anos 20 do século pasado o derradeiro representante da familia Taboada ten que abandonar o pazo e mudarse a Santiago. A partir de aquí comeza un proceso de cambio de propietarios que desemboca no paulatino deterioro da construción. No ano 2002 é comprado polo Concello de Lalín coa intención de salvalo da ruína e preservalo como referencia histórica da comarca. En 2009 é declarado BIC (Ben de Interese Cultural), na categoría de monumento histórico. No ano 2011, comezan as obras de restauración en colaboración co Ministerio de Fomento, a Consellería de Cultura e a Deputación de Pontevedra. A inauguración oficial do pazo para o desfrute público ten lugar a finais do ano 2014 coa súa posta en valor como contedor cultural e referencia arquitectónica da comarca de Deza.

O conxunto actual do pazo, está composto polo edificio principal e dous conxuntos anexos, a capela e o obradoiro por un lado e o forno e o alpendre por outro, rodeado por un muro circundante de pedra.

No edificio principal cabe destacar a beleza da solaina na fachada posterior, a lareira no interior e o escudo coas armas dos Churruchaos, Mosquera, López de Lemos, e Taboada na fachada principal.

Acolle o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, vinculado ao Museo Provincial de Pontevedra, que conta entre outras con área de exposición dos achados e laboratorio de tratamento e catalogación dos mesmos.

Tamén nas dependencias do pazo se atopa o Museo do Xoguete e a Marioneta, que nos amosa, en múltiples salas, este mundo máxico con pezas de diferentes épocas e procedencias.

Sala Loriga, espazo adicado á memoria do fillo ilustre Joaquín Loriga Taboada, nado neste mesmo Pazo e gran referente da aviación española, un dos fitos máis importantes da súa traxectoria é o voo Madrid - Manila no 1926 xunto con Esteve e Gallarza formando a Patrulla Elcano.

Ademais existen espazos multifuncionais, como o antigo salón nobre, no que campan as restauradas pinturas e os blasóns do teito, e onde se levan a cabo distintos eventos culturais como actuacións musicais e teatrais, conferencias, exposicións temporais, etc.

Axenda
De martes a sábado: 11:00 a 14:00, 17:00 a 20:00
Visitas
De balde. Grupos reserva previa.
Enderezo
Liñares, s/n - 36512 Prado (Lalín)
Teléfono
986 181 423
Coordenadas
42.6800278, -008.1916667
Imagen Pazo de Liñares