Arquitectura Civil

O pasado e o futuro converxen en Lalín. Pontes medievais de pedra coma a Ponte Taboada ou a Ponte dos Cabalos conviven coa acristalada arquitectura de vangarda do Castro Tecnolóxico. Na vangarda científica estivo tamén o que foi o primeiro observatorio astronómico de Galicia, construído por Don Ramón Mª Aller en 1924, e no que, a día de hoxe, despois do seu acondicionamento, se levan a cabo visitas e actividades de observación do firmamento.

Como exemplo de arquitectura industrial, pervive o edificio da fábrica de papel de Rodís, fundada arredor do ano 1850, hoxe vivenda familiar.

Os pazos, as construcións mais características da nobreza fidalga de Galicia contan no municipio con mais de trinta exemplares. Algúns, privados dos seus moradores, resisten a duras penas o paso do tempo, mantendo a súa dignidade, mirando con esperanza ao Pazo de Liñares que estivo a punto de converterse en sombra de si mesmo e que agora, renacido coma unha ave fénix, móstrase aos visitantes en todo o seu esplendor. Outros conservan a súa función de vivenda, ou convertéronse en establecementos rurais que acollen co seu señorío aos seus privilexiados hóspedes.

E se o que se quere é desfrutar da arquitectura popular, basta con dar un paseo polo rural para admirar construcións funcionais coma os muíños de auga, hórreos, lavadoiros, ou os balados de pedra que son a alma da nosa paisaxe.

Castro Tecnolóxico

Edificio vangardista construído polos arquitectos Luís M. Mansilla e Emilio Tuñón, gañadores, no ano 2007, do premio de arquitectura contemporánea Mies van der Rohe , concedido pola Unión Europea.

Foi inaugurado o 20 de setembro do 2013, nese mesmo ano, o edificio consigue colocarse entre os premiados na XII Bienal de Arquitectura y Urbanismo de España, na sección adicada a símbolos cívicos.

 

A construción recórdanos, coas súas formas circulares, tanto no exterior como no interior, aos castros prerromanos, moi abundantes no territorio do municipio, no que hai catalogados máis de 30.

Acolle nas súas dependencias os distintos departamentos do concello de Lalín, a Policía Municipal e a Policía Nacional, as oficinas do O.R.A.L., e Castrodeza, centro de interpretación dos castros.

Axenda
De luns a venres: 08:00 a 15:00
Enderezo
Praza de Galicia, 1 - 36500 Lalín
Teléfono
986 787 060
Correo electrónico
lalin@lalin.gal
Sitio web
Coordenadas
42.66077, -8.11659
Imagen Castro Tecnolóxico