Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
A XUNTA DE GOBERNO APROBA UN CONVENIO COA UVIGO PARA LEVAR ADIANTE ACTIVIDADES FORMATIVAS E CULTURAIS PARA PERSOAS MAIORES

Ao abeiro deste acordo de colaboración entre Concello de Lalín e Universidade de Vigo preténdese desenvolver un conxunto de 5 seminarios gratuítos durante os meses de abril e xuño. A soidade non desexada, saúde e benestar, manexo de novas tecnoloxías, como entender os impostos e arte e historia centrarán as cinco sesións teórico-prácticas que abrangue esta formación. As persoas que desexen asistir deberán recoller a solicitude no departamento municipal de Políticas Sociais e rexistrar dita solicitude no Rexistro desde o 19 de abril. O máximo de prazas en cada seminario é de 30 persoas asistentes

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar un convenio de colaboración polo que o Concello de Lalín desenvolverá coa Universidade de Vigo (UVigo) un programa formativo para o desenvolvemento de actividades educativas, formativas e culturais de carácter gratuíto para persoas maiores que se encadran no programa de democratización da Universidade de Vigo denominado “Mareas de Coñecemento e Experiencia”.

Ao abeiro deste acordo de colaboración entre Concello de Lalín e Universidade de Vigo preténdese desenvolver un conxunto de 5 seminarios durante os meses de abril e xuño sobre temáticas de interese para a veciñanza como poden ser a soidade non desexada; a saúde e o benestar (a importancia da alimentación e os beneficios do consumo de alimentos locais sostibles, saudables e de tempada); a tecnoloxía de uso de ferramentas no teléfono móbil; a fiscalidade: como entender os impostos (tratamento de herdanzas, plans e fondos de pensións, imposto sobre bens inmobles, etc.) xunto co coñecemento dos recursos patrimoniais e históricos lalinenses.

Parte das sesións comprenderán ademais dunha parte teórica unha formación práctica e terán lugar polas tardes na sala de prensa do Concello. Así as persoas asistentes terán ocasión de visitar o Pazo de Liñares; de tomar parte nunha práctica sobre intelixencia emocional para a soidade; nun taller de gastronomía sobre produtos autóctonos; nunha sesión de uso dun smartphone (whatsapp, videochamadas, lecturas de código QR, aplicación de banca electrónica e de pago, peticións de citas médicas) ou preguntar calquera tipo de cuestións sobre como conseguir unha correcta planificación fiscal.

 

As persoas que desexen asistir deberán recoller a solicitude no departamento municipal de Políticas Sociais e rexistrar dita solicitude no Rexistro desde o 19 de abril. O máximo de prazas en cada seminario é de 30 persoas.

 

Con este convenio de colaboración entre o Concello de Lalín e a Universidade de Vigo, que vén de obter o visto bo da Xunta de Goberno Local, ten como obxectivo principal afrontar desde o eido universitario o achegamento de formación sobre diversas temáticas de interese para a veciñanza, especialmente para as persoas maiores, ao tempo que promover a participación e a aprendizaxe ao longo de toda a vida.

 

As necesidades e o envellecemento activo da poboación lalinense téñense en conta desde o Concello co obxectivo de contribuír a paliar as dificultades que sofren as persoas para participar no tempo de ocio e desfrutalo de forma satisfactoria, para a súa formación, etc., a través deste programa que vén de aprobarse ou de iniciativas como a Aula Sénior de Lalín, clases de musicoterapia, entre outras.

Programación

Seminario I: “A soidade non desexada”

  • 27 de abril, de 16.30 a 18.30 h.

Sesión teórica:  A soidade é sempre mala?

  • 27 de abril, de 18.30 a 20.00 h.

Sesión práctica: Intelixencia emocional ante a soidade

Isabel Ferreiro González

Profesora do departamento de Análise e intervención psicosocioeducativa.

Responsable de gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo.

Seminario II: “Saúde e benestar”

  • 5 de xuño, de 16.30 a 18.30 h. º

Sesión divulgativa: Importancia da alimentación para a saúde. Beneficios do consumo de alimentos locais sostibles saudables e de tempada.

  • 6 de xuño, de 16.30 a 19.30 h.

Sesión práctica: Gastronomía, aptitude culinaria e propiedades nutricionais dos produtos agroalimentarios da capital do Deza.

Demostración e cata de produtos autóctonos.

Marisol López Reyes

Profesora do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo

Seminario III: “Tecnoloxía uso de ferramentas no telefono móbil”

  • 14 de xuño, de 16.30 a 19.00 h.

Sesión teórico-práctica 1: «O teléfono móbil. Configuración básica. WhatsApp e Videochamadas. Lecturas código QR. Aplicacións de banca electrónica e pago»

  • 15 de xuño, de 16.30 a 19.00 h.

Sesión teórico-práctica 2: «Outras aplicacións. Calendarios de vacinación e medicacións. Petición de citas médicas. Localización de persoas, etc.»

Adrián Seara Vieira

Profesor da Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo.

Seminario IV: Como entender os impostos

  • 21 de xuño, de 16.30 a 19.00 h.

Sesión teórico-práctica 1: Importancia de coñecer cuestións básicas que rodean a fiscalidade, entre outras, tratamento das herdanzas, plans e fondos de pensións, imposto de bens inmobles, plusvalía municipal, etc.

  • 22 de xuño, de 16.30 a 19.00 h.

Sesión teórico-práctica 2: Exemplos prácticos de todas estas cuestións, con casos de aplicación directa aos elementos sinalados para conseguir unha correcta planificación fiscal.

Alberto Vaquero García

Profesor Titular de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo.

Seminario V: “Arte e historia”

  • 27 de xuño, de 16.30 a 18.30 h.

Sesión divulgativa: “Un percorrido patrimonial pola historia do Concello de Lalín”

  • 29 de xuño, de 16.30 a 19.30 h.

Sesión práctica: “Visita ao Pazo de Liñares”

Ana Cebreiros Iglesias

Profesor da Facultade de Historia da Universidade de Santiago

 

km0