O rexedor brindoulle unha recepción ao que foi director xeral de Coreti que destacou tamén pola súa continua colaboración co deporte local
Asistiron a tenente alcalde Paz Pérez e a concelleira Begoña Blanco así como representantes do CD Balonmán Lalín encabezados pola súa presidenta, Belén Mariño; do Clube Rugby Coreti Lalín, entre eles o seu presidente, Álex Ferradás, e o representante de Motoclub Veteranas de Deza, Manuel Santiso “Maraguay”
O alcalde de Lalín, José Crespo, vén de brindarlle unha recepción no Concello a Luis Fernández Vilela con motivo da súa xubilación para agradecerlle o traballo en pro dos intereses do pobo de Lalín ao longo da súa carreira profesional por Lalín tanto no eido empresarial como no deportivo. Estivo acompañado pola tenente alcalde Paz Pérez e a concelleira Begoña Blanco, así como pola presidenta do CD Balonmán Lalín, Belén Mariño e outros representantes do club; membros do Clube Rugby Coreti Lalín, encabezados polo seu presidente Álex Ferradás, e o representante de Motoclub Veteranas de Deza, Manuel Santiso “Maraguay”.
Crespo deulle as grazas polos trinta e oito anos de andaina profesional “moi exitosa” como fundador e director xeral de Coreti, compañía referente na industria da etiquetaxe autoadhesiva en España e tamén polo seu apoio ao deporte lalinense, sobre todo, de base e feminino. Indicou que se houbera que premiar a algún empresario especialmente importante para o deporte en Lalín sen dúbida sería Luis Vilela porque “non axudou a clubs grandes consolidados, que tamén, senón que se ocupou do deporte de base porque o importante é que nun concello se faga deporte o maior número de veciños”. Neste sentido lembrou que en Lalín “temos 28 disciplinas deportivas diferentes que ningún concello da nosa categoría as ten” e cónstame que moitas “disciplinas deportivas que recorreron a Luis sempre as axudou”.
Pola súa parte, Vilela deu ás grazas ao alcalde e ao Concello por este recoñecemento e indicou que “eses beneficios que ten unha empresa, esa responsabilidade social corporativa, que sempre debe ser para apoiar algunha disciplina deportiva” e precisou que é en Lalín onde apoiou ao maior número de clubs.
Luis Fernández Vilela puxo en marcha Coreti no 1991, unha das empresas máis innovadoras do seu sector dedicada á etiquetaxe industrial e tamén brindou desde sempre un gran apoio ao deporte lalinense. Foi presidente e patrocinador do Clube Rugby Coreti Lalín e colaborador co Balonmán Lalín e deu traballo a distintas persoas de Lalín tanto na empresa matriz Coreti con sede principal no polígono de Bergondo como na súa sede que tivo no Polígono Lalín 2000. Estes méritos valéronlle ser elixido Comendador do Cocido no 2014.