Rematada a retirada da parte vexetal comezouse coa construción das estruturas que acollerán o novo almacén, aseos, a lámina de auga e a base da reconfiguración da capela
Nos vindeiros días comezarase a construír a estrutura dos columbarios, o solado dos distintos camiños e os soporte da planta fotovoltaica.
Estase a reconfigurar o almacén e zona de autopsias que pasarán a ser un único espazo de almacenaxe e garda de material.
O perfil do cemiterio de A Romea vai cambiando de xeito progresivo segundo van avanzando as obras da “Fraga do Alén” que se ven respectaron unha parte importante do arboledo, aqueles que tiñan unha maior porte e valor medioambiental, xa presenta importantes cambios que permiten albiscar cara a onde camiña o que será un dos cemiterios máis belos e senlleiros do noso entorno.
Os primeiros traballos para desenvolver a “Fraga do Alén” consistiron xa hai semanas na retirada das tullas perimetrais do tramo antigo e na retirada e destoconado das árbores máis pequenas e de menos valor ecolóxico da zona nova máis próxima a autoestrada. Unha retirada vexetal que está completamente realizada e que aínda así, na zona nova, deixa unha importante capa vexetal que aínda será máis frondosa nas tempadas de primavera e verán.
Acometidos eses traballos de reaxuste do espazo vexetal, comezou a obra física e de movemento de terras. Ata o de agora, a empresa executora da obra instalou as vigas riostras que configuran a base dos viarios tantos peonís como de os de servizos para o acceso de vehículos tanto de mantemento como mortuorios. Ao mesmo tempo, acometeuse a construción da estrutura de base que conformará o pequeno lago que ocupa o centro da zona nova no que tamén se asenta un auditorio de reducidas dimensións. Tamén se construirán xa os cimentos dos aseos que antes estaban situado na zona próxima ao tanatorio que linda co cemiterio e que agora se situarán na zona nova. En ambas estruturas estanse a instalar xa os servizos que darán auga, electricidade e saneamento ou depuración.
SOTERRAMENTO DOS PIARES DA NOVA PEL DA CAPELA
Na zona vella do cemiterio, comezáronse a soterrar os piares que servirán de base a nova pel de aceiro corten da capela. Un traballo que obrigou a afondar de xeito máis importante do previsto inicialmente dada a mala calidade do terreo no que se asenta o edificio relixioso. Tamén se procedeu ao baleirado e eliminación das divisións existentes no pequeno edificio colindante co tanatorio e no que se asentaba un vello almacén e un sala de autopsias. Un espazo que agora será dedicado integramente a almacén.
Nas proximidades de esta edificación, nas vindeiras semanas comezará a construción do espazos e as estruturas que configurarán o columbario co que se dotará á “Fraga do Alén” e que presentará espazos para que aqueles veciños que o desexen facerse con unha ubicación para as cinzas de aquelas persoas que opten pola incineración.
TRABALLO POR DIANTE
O traballo nas vindeiras semanas encamiñarase a continuar as estruturas xa iniciadas e dotación de servizos, á construción da estrutura dos columbarios e a construción dos solados dos viarios que configurarán os distintos camiños peonís do cemiterio e tamén dos viarios para vehículos cos que contará toda a instalación. Tamén se acometerá a construción da estrutura que acollerá a instalación da panelaxe fotovoltaica que subministrará de corrente eléctrica ao cemiterio que recórdase é autosuficiente no enerxético.