Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
O EMBAIXADOR DO XAPÓN EN ESPAÑA, PREGOEIRO DA 57ª FEIRA DO COCIDO
  • Crespo pon en valor que Takahiro Nakamae será “o primeiro diplomático dun país importante de fóra de España que dea o pregón” da Feira do Cocido e incide nas “sinerxías positivas que oxalá se poidan chegar a crear entre Xapón, unha das principais potencias mundiais, e o Cocido”

O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, vén de desvelar o nome do que será o pregoeiro da LVII Feira do Cocido: o embaixador extraordinario e plenipotenciario do Xapón en España, Takahiro Nakamae. Nacido en Hiroshima (o 13 de agosto de 1960), graduouse na Universidade de Tokio (Facultade de Dereito) en marzo de 1985 e en abril dese mesmo ano ingresou no Ministerio de Asuntos Exteriores, polo que é un experimentado diplomático. Está casado e ten tres fillos.

Crespo destaca que “se trata do primeiro estranxeiro que dea o pregón, do primeiro diplomático dun país importante de fóra de España que exerza como pregoeiro, o que supón un honor e ao mesmo tempo unha grande oportunidade de apertura do Cocido cara novas fronteiras, sendo conscientes das posibilidades de negocio que ofrece o mercado asiático que, cunha sólida capacidade investidora, se sitúa entre as principais potencias mundiais, ademais de ser un país con un enorme potencial turístico porque ademais son uns enamorados do Camiño”. “Oxalá se poidan chegar a crear sinerxías positivas entre Xapón e a nosa Feira Internacional”, sinala.

O rexedor lalinense incide tamén en que coa elección de Nakamae como pregoeiro “se abonda na idea da internacionalización da Feira” e indica que o coñeceu durante o transcurso dunha recepción da Comisión de Asuntos Exteriores do Senado da que Crespo forma parte convidados polo embaixador, e a partir de aí mediou directamente con el, explicándolle o que era a Feira do Cocido, que aceptou ser pregoeiro á primeira.

Ao longo da súa dilatada carreira diplomática, Takahiro Nakamae, exerceu diversidade de cargos que o levaron a residir en Irak, México, Nova Iorque, París e España, onde leva exercendo como embaixador desde decembro de 2022.

De 1986 a 1988 realizou estudos de postgrao e de especialización no idioma español en Valladolid e en Madrid. Guarda un especial recordo da súa estancia en España durante eses anos. Foi en febreiro cando viaxou a Galicia por primeira vez.

Entre as responsabilidades que exerceu destacan ter sido conselleiro da Embaixada do Xapón en Arxentina (1998); director de Cooperación Internacional para a Paz (2004); conselleiro da Embaixada do Xapón en Irak (2006); director de México e América Central na Dirección Xeral de Asuntos de Latinoamérica e o Caribe (2007); director de México, América Central e o Caribe na Dirección Xeral de Asuntos de Latinoamérica e o Caribe (2008); director de Información e Comunicacións (2009); ministro na Misión Permanente do Xapón ante a Organización de Nacións Unidas (2011); ministro da embaixada do Xapón en Brasil (2013); cónsul xeral do Xapón en Sao Paulo (2015) e director xeral de Asuntos de Latinoamérica e o Caribe (2017).

Despois de desempeñar o cargo de director xeral de Asuntos de América Latina y el Caribe y de ser embaixador de España en Arxentina, regresou a España como embaixador en decembro de 2022. Desde a súa chegada non parou de viaxar por toda España e por suposto por Galicia.

En xuño de 2023 tivo a ocasión de manter en Pontevedra unha reunión co presidente da Xunta de Galicia con quen intercambiou opinións acerca de diversos temas como a cooperación empresarial e o fomento do turismo entre Xapón e Galicia, entre outros. De igual modo visitou Vigo nesas mesmas datas con motivo da inauguración da feira industrial MINDTECH que, pro primeira vez, contou como país invitado e que nesta primeira ocasión foi Xapón. Ten previsto realizar outra viaxe a Galicia o vindeiro mes de xaneiro ademais de estar presente na 57ª Feira do Cocido.

km0