-
Trátase de promover a integración do colectivo realizando actividades externas e visibilizando o seu labor na sociedade
O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, e a presidenta da Asociación de Pais de Diminuídos Psíquicos de Deza (Aspadeza), María Taboada García, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que o Concello achega á asociación 5.000 euros para o programa de atención a persoas con discapacidade que a entidade desenvolve dentro de 2024 coa finalidade de facilitar a integración social deste colectivo. No acto de sinatura estiveron presentes a concelleira de Política Social, Carmen Canda, e a directora do centro, Ángeles Baldonedo.
Este convenio enmárcase dentro do marco de cooperación que Concello e Aspadeza veñen colaborando desde hai anos no desenvolvemento dun programa de atención a persoas con diversidade que se desenvolve coa finalidade de facilitar a súa integración e visibilización social. É de destacar que a dita asociación atende diariamente a 38 persoas de 57 familias.
O programa de actividades, que se levarán adiante co financiamento municipal, contempla, entre outras, as seguintes actuacións:
-
Mantemento das instalacións do centro na parte proporcional que se corresponde coas oito prazas non concertadas coa Consellería de Política Social.
-
Colaboración na limpeza de 81 xardineiras municipais situadas nas rúas Ponte, Principal, Xoaquín Loriga, Colón, Praza da Igrexa, Praza do Concello, Praza Calvo Sotelo, Avda. Luis González Taboada, Avda. Xosé Cuíña e Ramón Aller para aqueles usuarios da asociación que teñan dentro da súa programación de actividades externas esta actuación por considerala axeitada para a súa integración social.
-
Colaboracións puntuais na sinalización dos roteiros municipais que formen parte da programación de actividades externas que a asociación ten previstas para cada persoas usuaria, previa comunicación ao Concello que deberá prestar o seu conforme en función da actividade programada.
-
Colaboración na colocación de carteis de actividades do Concello de Lalín.
Todo este conxunto de actuacións teñen como finalidade promover desde o Concello de Lalín a integración do colectivo, obxecto de intervención, realizando actividades externas para a súa integración social en ámbitos fóra do centro formativo, configurándose como programas prácticos do centro ocupacional, que contará coa supervisión directa dun/ha monitor/a do propio centro, así como do apoio dun/dunha traballador/a social de Aspadeza.