Iniciarase o 18 de novembro no local social de Botos, Goiás e Muimenta e desenvolverase en nove lugares ata finais de novembro
-
O Concello de Lalín e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, pretenden fomentar a psicoloxía positiva e a motivación das persoas
-
Baseado en sesións dinámicas e participativas, explorarase o poder da risa na saúde mental e o benestar en xeral
-
Con esta iniciativa crearase un espazo onde os/as usuarios/as do programa Lalín Activa fortalezan lazos sociais e mellorar a súa calidade de vida a través da risa e o pensamento positivo
A concelleira de Política Social, Carmen Canda, informa do comezo do taller “Risa para a saúde mental” dentro do programa “Lalín Activa” no local social de Botos. A programación nos locais sociais será: en Botos o luns 18 de novembro e venres 22 de 10:30 a 12:00; Goiás o luns 18 e martes 26 de 16:00 a 17:30; Muimenta o luns 18 e martes 26 de 18:30 a 20:00; Prado os martes 19 e 26 de 10:30 a 12:00; Soutolongo martes 19 e xoves 21 de 16:00 a 17:30; Vilatuxe martes 19 e xoves 21 ás 18:30 a 20:00; Cercio os mércores 20 e 27 de 10:30 a 12:00; Lalín no Espazo Activo (local da antiga radio local) os mércores 20 e 27 de 16:00 a 17:30 e Donramiro os mércores 20 e 27 de 18:30 a 20:00.
O programa “Lalín Activa no rural” ten como obxectivo principal proporcionar e fomentar ás familias coidadoras de persoas un espazo onde realizar actividades, dado que moitas das que conviven coas súas familias pasan moito tempo en soidade debido ás responsabilidades laborais que teñen as persoas encargadas dos seus coidados, permitindo ao tempo a estas últimas poder gozar de tempo libre e conciliación e respiro familiar.
Os obxectivos que se pretenden conseguir co programa son implementar formacións e actividades para a autosuficiencia e autoestima, fomentar a estimulación cognitiva, favorecer o ocio e as relacións interpersoais, crear o hábito de levar a cabo sesións de ximnasia e rehabilitación física, avaliación continua das capacidades cognitivas das persoas participantes e realizar un diagnóstico cognitivo a nivel individual da situación e das necesidades das persoas.
En concreto neste taller denominado “Risa para a saúde mental”, destinado principalmente para as persoas que xa participan nas actividades do “Lalín Activa no rural”, combina os principios da psicoloxía positiva con técnicas de risoterapia, ofrecendo unha experiencia única e enriquecedora para os nosos participantes. A través de sesión dinámicas e participativas, explorarase o poder transformador da risa na saúde mental e no benestar en xeral, proporcionando ferramentas prácticas para o manexo do estrés e da ansiedade. O obxectivo principal é crear un espazo onde as persoas participantes poidan fomentar a alegría, fortalecer lazos Sociais e mellorar a súa calidade de vida a través da risa e o pensamento positivo.
As persoas que non están a participar nas actividades do “Lalín Activa no Rural” e están interesadas en participar poderán chamar ao 681301958 ou ao 986780014. O programa está financiado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, tras o sinatura do convenio de colaboración entre a dita Consellería e o Concello de Lalín para o financiamento do programa de Respiro Familiar “Lalín Activa” para o exercicio 2024.
Ao Concello de Lalín, tras a sinatura do convenio coa Consellería de Política Social e Igualdade, concedésenlle 75.000 € e cunha achega municipal a maiores de 3.000 € para o financiamento do programa “Lalín Activa” para este ano 2024 na que se incorporan actividades como “Lalín Activa no Rural”, a “Idade de Ouro en Movemento” e as actividades de “Musicoterapia”, pintura ao óleo, acuarela, historia da arte, informática (iniciación e avanzado), estimulación cognitiva e inglés (iniciación e avanzado).