Karen Fernández remarca a enorme acollida deste proxecto estrela desta edición das Aldeas de Nadal que permitirá converter a Lalín nun conto de Nadal
A concelleira da área das Aldeas de Nadal sinala que a cada establecemento colaborador no concurso se lle vai achegar unha casiña de madeira artesanal das Aldeas para crear unha historia máxica a partir dela que deberán reflectir no seu escaparate
Os establecementos que van participar no concurso poderán achegarse ao Concello a recoller a súa casiña a partir de hoxe, en horario de 8 a 15 horas
A concelleira de área das Aldeas de Nadal, Karen Fernández, anuncia que “o venres pasado, tras a impartición dunha formación gratuíta, pechouse o prazo de inscrición no concurso de escaparates máxicos das Aldeas de Nadal que contará coa participación de nada menos que 30 tendas entre o núcleo urbano (27 tendas) e o Pontiñas Centro Comercial (3 tendas) que son as que van tomar parte nesta novidosa iniciativa de dinamización do pequeno comercio que desenvolvemos coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia”.
“Esta elevada participación destaca a enorme acollida deste innovador concurso, na súa primeira edición, que permitirá que Lalín se converta nun conto máxico, grazas á cantidade de comercios participantes neste proxecto estrela das Aldeas de Nadal nesta edición”, remarca.
“Os escaparates máxicos converterán Lalín nun conto de Nadal que terá como punto de conexións ás Aldeas, xa que a cada establecemento colaborador do concurso se lle vai achegar unha casiña para crear un conto ou unha historia máxica a partir dela que deberán reflectir no seu escaparate”, indica. “Son casiñas de madeira, totalmente artesanais feitas polo director do proxecto Luchi Iglesias”, precisa. Os comercios participantes no concurso poderán achegarse ao Concello a recoller a súa casiña a partir de hoxe, en horario de 8 a 15 h de luns a venres.
O concurso dará comezo o 13 de decembro ata o 5 de xaneiro, ambos incluídos, se ben o 29 de novembro ás 19.30 h terá lugar, xunto ao acendido de luces de Nadal, a inauguración de catro escaparates máxicos aos que se sumarán os 30 que tomarán parte no concurso.
Co concurso de escaparates máxicos das Aldeas de Nadal contribúese á potenciación do pequeno comercio ademais de fomentar que os comerciantes decoren os seus escaparates con creatividade e sustentabilidade, a cambio do que recibirán unha serie de incentivos.
A concelleira lembra que “cada escaparate vai levar un código QR que lle dá Aldeas de Nadal co seu logotipo, de tal forma que os veciños e visitantes cando pasen por diante deles, poderán votar polos que máis lle gustan desde o seu móbil a través dun código QR”. “Os dous máis votados recibirán: 1º premio dotado con 500 € + as Aldeas de Nadal comprométese a facerlle o escaparate do ano que vén; e un 2º premio dotado con 500 €”.
Por último, a concelleira das Aldeas de Nadal, Karen Fernández, lembra que ata o vindeiro xoves, 21 de novembro ás 10 h, se mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes para concertar convenios de colaboración empresarial para as Aldeas de Nadal, de acordo ás bases aprobadas en xunta de goberno.