Novas

LAURA GALEGO VÁZQUEZ, O EQUIPO DE DIRECCIÓN SUPERNOVA ASISTENCIAS S.L.U., A TABERNA PENALTA E MARTA VARELA FERNÁNDEZ ÁLZANSE CO XVI PREMIO ÁS MULLERES “DNA. MARUJA GUTIERREZ” 2022

A entrega de premios terá lugar o vindeiro martes, 8 de Marzo, a partir das 20.30 h, no Museo Municipal Ramón Mª Aller Ulloa.

Laura Galego Vázquez pola empresa Laura Galego Clínica Dental; o equipo de Dirección Supernova Asistencias S.L.U.; Luisa Rodríguez Rodríguez pola empresa Taberna de Penalta de Madriñán e Marta Varela Fernández, primeira árbitra de rugby galega en rexional resultaron gañadoras do XVI Premio ás Mulleres “Dna. Maruja Gutiérrez” 2022, promovido polo Concello, a través das Concellerías de Igualdade e Comercio do Concello de Lalín con motivo do 8 de Marzo “Día Internacional das Mulleres” e dirixido a distinguir a profesionalidade, a capacidade de iniciativa empresarial e a traxectoria persoal e profesional das mulleres lalinenses no 2022.

Este premio nace coa finalidade de difundir as achegas das mulleres lalinenses á sociedade, promovendo a transformación de estereotipos sexistas e rachando coas situacións de discriminación por razón de xénero, así como para estimular e recoñecer o esforzo e a traxectoria de mulleres que están desenvolvendo un labor importante e relevante no ámbito da igualdade de oportunidades a fin de que sirva de exemplo para toda a sociedade e referente para as novas xeracións de mulleres.

Os ditos premios, cuxo fallo vén de ser ratificado na Xunta de Goberno do 1 de marzo, serán entregados nun acto público que terá lugar o luns 8 de Marzo, ás 20.30 h, no Museo Municipal e que se enmarca dentro das actividades do Concello de Lalín organizadas con motivo do “Día Internacional das Mulleres”.

Cómpre destacar que o xurado escolleu as candidaturas gañadoras entre as presentadas no transcurso dunha reunión celebrada o 23 de febreiro. Estivo integrado polas concelleiras de Política Social e Comercio; polo edil de Emprego; pola psicóloga do CIM; a técnica de Emprego; polo axente de Igualdade; pola secretaria técnica da AED e polo axente de Igualdade.

Laura Galego Vázquez, pola empresa Laura Galego Clínica Dental recibirá o premio na categoría de “Xove Empresaria”, e o equipo de dirección Supernova Asistencias S.L.U. na categoría de “Empresaria Innovadora”.

O xurado acordou tamén outorgar o Premio “Dna. Maruja Gutiérrez” na modalidade de “Toda unha vida” a Luisa Rodríguez Rodríguez, de Taberna Penalta, e a Marta Varela Fernández, primeira árbitra de rugby galega en rexional, na categoría de traxectoria de “Mulleres en movemento”.

O histórico de gañadoras nas dezaseis edicións suma sesenta mulleres lalinenses recoñecidas co “Dna. Maruja Gutiérrez”.

km0