O novo servizo da asociación en Lalín ofrecerase todos os martes de 11 a 13 horas no Lalín Arena e comezará a funcionar o vindeiro 22 de febreiro. Este convenio enmárcase nos obxectivos municipais de buscar liñas de cooperación nas distintas entidades sociais para desenvolver os programas necesarios para a execución dunha axeitada política de integración.
O Concello de Lalín pon en marcha un punto de información e atención a pacientes e familiares que padezan cancro, que estará situado no Lalín Arena -sen prexuízo de que por necesidades municipais puntuais se lle ceda outro espazo diferente-, e que ofrecerá servizo un día por semana: todos os martes, desde o vindeiro 22 de febreiro, de 11 a 13 horas.
Esta iniciativa é froito da colaboración municipal a través da Concellería de Política Social coa Asociación Española contra o Cancro que se vén de materializar a través dun convenio asinado esta mañá entre o alcalde, José Crespo, e a presidenta da delegación de Pontevedra da dita asociación, María del Carmen Abeledo. No acto de rúbrica estivo presente a concelleira delegada e tenente alcalde, Paz Pérez; a delegada da asociación en Lalín, Inés Pérez Mindeguía (que atenderá o punto), e a tesoureira da asociación, Pilar Iglesias Vázquez.
Mediante o dito convenio o Concello pon á disposición da Asociación Española contra o Cancro a cesión de uso gratuíto dun espazo para establecer un punto de información e atención a pacientes enfermos/as de cancro e a aos/ás seus/súas familiares correndo tamén cos gastos de subministración e servizo. A prestación do servizo de 1 día á semana será no horario consensuado entre a Concellería de Política Social e a asociación, en función da demanda e das necesidades dos/as pacientes e familiares atendidos/as.
Desde o Concello tamén se derivarán persoas usuarias; colaborarase coa asociación ofrecendo colaboración do persoal técnico municipal no desenvolvemento de programas en caso de estimarse necesarios e ofreceranse recursos de apoio necesarios a nivel divulgativo para que as actividades acaden a maior participación posible.
Por parte da Asociación Española Contra o Cancro utilizaranse os espazos cedidos para os fins indicados e acordes coa misión da organización, informando á veciñanza do concello dos seus servizos gratuítos para pacientes e familiares como a Atención Social, Psicolóxica, préstamo de material ortoprotésico (perrucas, andadores, camas articuladas, etc), actividades grupais e Acompañamento, entre outros. Para iso, comunicarán ao Concello coa suficiente antelación a programación de servizos e demais actividades que se realicen de cara a non interferir na programación municipal.
Número gratuíto as 24 horas
Ademais deste punto físico no Concello de Lalín, a asociación ten a disposición dos/as pacientes oncolóxicos/as e familiares un número gratuíto e 24 horas, os 365 días do ano, o 900 100 036, onde un equipo de profesionais ofrecerán información, apoio, axuda e asesoramento.
Por outra banda, a asociación tamén facilitará a actuación do persoal técnico municipal no referente ao seguimento das actuacións obxecto do convenio e comprométense a remitir aos servizos sociais comunitarios básicos informes de seguimento en relacións ás persoas con expediente aberto en servizos sociais comunitarios básicos, en caso de que sexa requirido por estes, a efectos da intervención técnico profesional que asegure un correcto seguimento en cada caso.
O convenio entre Concello e Asociación Española contra o Cancro enmárcase nos obxectivos municipais de buscar liñas de cooperación con distintas entidades sociais para desenvolver os programas necesarios para a execución dunha axeitada política de integración.