Novas

FEGADACE E O CONCELLO DE LALÍN COLABORAN NA SENSIBILIZACIÓN SOBRE O DANO CEREBRAL COA EXPOSICIÓN "PUNTO E SEGUIDO"

A colección de fotografías pode verse no Auditorio Municipal desde hoxe ata o 28 de febreiro.

A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ chega ao concello de Lalín en febreiro. Trátase dunha mostra coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, o día a día das persoas con esta discapacidade.

A colección de imaxes poderá visitarse desde o 8 ata o 28 de febreiro no Auditorio Municipal de Lalín. O horario de apertura do centro é de 16:00 a 22:00 horas. O concello lalinense facilita tamén un teléfono para aquelas persoas interesadas en concertar visitas matinais: 986 783 570. Pregan chamar cando menos cun día de antelación.

Alianza entre FEGADACE e Lalín

A Federación Galega de Dano Cerebral e o concello de Lalín asinaron en 2021 un convenio de colaboración para enmarcar o desenvolvemento de actividades que, coma esta exposición, contribúen a sensibilizar e a informar para a prevención do dano cerebral adquirido.

Proxecto ‘Punto e seguido’

As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación Galega de Dano Cerebral. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

A organización da exposición conta coa colaboración do Concello de Lalín e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

VIDEO

km0