Novas

LUIS IGLESIAS “LUCHI”, A CRUZ VERMELLA DE LALÍN E JULIO LÓPEZ RODRÍGUEZ ELIXIDOS COMO LALINENSES DO ANO 2021

A Luis Iglesias Rodríguez “Luchi” pola súa actividade solidaria e creativa ao longo do ano 2021 con proxectos como os Cabezudos de Laxeiro ou a ampliación das Aldeas de Nadal que están a ter un notable éxito de asistentes.

A Cruz Vermella de Lalín polo traballo colaborativo que levou a cabo durante a pandemia para, xunto a outros colectivos e administracións, atender as necesidades dos veciños de Lalín.

A Julio López Rodríguez, Julio “de Correos”, pola súa dilatada traxectoria no apoio e traballo a prol de temas culturais e sociais dende colectivos como o Casino de Lalín, a Residencia Nosa Señora das Dores ou o Padroado Cultural e a Banda de Lalín.

 

O artista e empresario lalinense Luis Iglesias Rodríguez “Luchi” foi elexido por un amplo xurado composto por unha vintena de persoas representantes de colectivos da vida social, cultural e deportiva como a persoa que máis se destacou en Lalín no ano que está a piques de rematar. O xurado completou a elección recoñecendo a Cruz Vermella no apartado de colectivos e a Julio López Rodríguez, no apartado de Toda unha vida, para uns recoñecementos que se entregarán antes do Concerto de Nadal o vindeiro 26 de decembro no Auditorio Municipal.

O xurado, ao que estaban convocados unha trintena de representantes, estivo composto por representantes municipais, de medios de comunicación como La Voz de Galicia, Radio Lalín, Radio Voz Lalín e Lalín e Comarca; representantes da AED; de colectivos como Apalc, Aranes, Mencer, CD Lalín, Escola de Fútbol Deza, Basketdeza, Club Rugby, Movete na Moto, Moteiros do Deza, Clube De Atletismo, Ciclistas Montes do Deza, etc. Nesta ocasión o xurado non puido estar presidido nin polo alcalde nin a tenente de alcalde por atoparse convalecentes.

RECOÑECEMENTO Á CREATIVIDADE E A SOLIEDARIDADE

O xurado por unanimidade dos asistentes decideu outorgar o premio Lalinense do Ano ao artistas, emprededor e creativo lalinense Luis Iglesias Rodríguez “Luchi” pola súa actividade solidaria e creativa ao longo do ano 2021 con proxectos como os Cabezudos de Laxeiro ou a ampliación das Aldeas de Nadal que están a ter un notable éxito de asistentes. O xurado tamén quixo recoñecer o traballo de difusión que fai de Lalín a través da empresa da que é titular xunto á súa dona e que ademais de ser unha das destacadas do sector dos eventos mantén unha fonda conexión co noso Concello. O xurado tamén reflectiu a colaboración con proxectos solidarios e a ampla traxectoria no mundo da representación, manexo, fabricación e coidado das marionetas e monicreques.

No apartado de colectivos, despois dun amplo debate entre os 6 candidatos propostos polos distintos xurados, o xurado elexiu a Cruz Vermella de Lalín polo traballo colaborativo que levou a cabo durante a pandemia para, xunto a outros colectivos e administracións, atender as necesidades dos veciños de Lalín. Un traballo que foi transversal a distintos eidos da vida dos lalinenses.

JULIO LÓPEZ RODRÍGUEZ AMPLA TRAXECTORIA

Por último, o xurado tamén elixiu por unanimidade no apartado de Toda unha Vida a Julio López Rodríguez, Julio “de Correos”, pola súa dilatada traxectoria no apoio e traballo a prol de temas culturais e sociais dende colectivos como o Casino de Lalín, a Residencia Nosa Señora das Dores ou o Padroado Cultural e a Banda de Lalín. Un premio co que o xurado quixo recoñecer o traballo desinteresado realizado ao longo de tantos anos e que continúa a realizar na actualidade.

 

 

 

 

 

 

 

km0