En 1942 xorde en Lalín unha banda formada por músicos doutras bandas do concello ( Goiás, Bermés, A Penela...). Por mor da emigración varios músicos tiveron que abandonar esta formación, quedando reducida en 1963 a só 11 membros. A diminución da plantilla trouxo consigo a disolución da Banda. Pero en 1975, D. Celso Blanco Álvarez tivo a idea de formar unha especie de "fanfarria", baixo o nome de Banda de los Veteranos, composta por un grupo de músicos que non exercían dende facía bastante tempo e que xa contaban cunha idade avanzada.
Froito deste rexurdir musical, en 1977 creouse unha sociedade musical onde, ó entraren novas persoas e ideas, se formou a Banda Cultural de Lalín. En 1992, coincidindo coa chegada dende Holanda do director Marcel van Bree, esta agrupación abandonou o adxectivo "cultural" e pasou a chamarse Banda de Lalín.
Actualmente a Banda de Lalín conta con 77 músicos, ademais dunha canteira de músicos xoves formados na Escola da Banda. Esta Escola foi creada en 1996.
Trala construcción do Conservatorio Municipal de Lalín en 1992, a Banda fixou o seu domicilio no Auditorio Municipal. Aí é onde tamén teñen lugar os ensaios e gran parte dos concertos que ofrece anualmente, entre os que cómpre destaca-lo de Sta. Cecilia (21 de novembro) e o de Fin de Ano, que xa vai pola súa XVII edición.
PREMIOS
- 1995: 2º Premio no Certame de Bandas organizado pola RTVG
- 2001: 1º Premio na 1ª sección do I Certame Provincial de Bandas de Música (Pontevedra)
- 2002: 1º Premio no XXXI Certame Internacional de Bandas Vila d'Altea (Alacante)
- 2003: 1º Premio no I Certame Internacional de Bandas e Concurso de Composición de Música de Cine "Vila de Ribadeo
- 2004: 1º Premio no I Certame Provincial de Bandas de Música de Pontevedra (Sección Especial)