Nace en Lalín en 1921. Licenciouse en medicina na Universidade de Valencia, onde traballou de profesor encargándose das prácticas de Anatomía Patolóxica, e investigador no Instituto Ramón y Cajal. Continuou estudios en Lisboa cunha bolsa de estudios do Consello Superior de Investigacións Científicas, e logo pola Fundación Rockefeller para o Instituto Neurolóxico de Montreal, en Canadá. No ano 1950 obtivo en Madrid o Premio Ramón y Cajal de Investigación por un traballo de neurofisioloxía que presentou co nome de Deza. No ano 1952 dirixe a construcción do Palencefalógrafo que permitía estudiar os tumores cerebrais mediante impulsos eléctricos. No ano 1965 trasladouse a Friburgo (Alemania) onde traballou na rexeneración da medula ósea destruída por radiacións nucleares. Posteriormente trasladase a Universidade de Ulm (Alemania), onde consigue illar as células sanguíneo-formadoras (células nai das células sanguíneas) as chamadas "células Tronco". En Ulm estudia os efectos da radiación atómica de Hiroshima e Nagasaki, e viaxou a Rusia para estudiar os efectos da radiación da central nuclear de Chernobil. Nesta liña investigadora estaba no camiño de conseguir a fabricación do sangue artificial para transfusións necesarias en caso de transplantes de órganos.
Faleceu na cidade alemana de Ulm o 25 de maio de 2003.