Fillos Ilustres

Xosé Ródriguez e González

O máis insigne científico da España do seu tempo.

Coñecido como "O matemático de Bermés", naceu nesta parroquia en 1770 e foi o máis insigne científico da España do seu tempo. Fillo de labregos, a axuda dun tío seu sacerdote permitiulle cursar estudios cos xesuítas de Monforte e pasar logo a Santiago para graduarse na Universidade. Catedrático de Matemáticas ós 28 anos, pronto inicia as súas escapadas a Europa para ampliar estudios e intercambiar coñecementos cos grandes científicos do seu tempo: Laplace, Arago…Con este último estudia a triangulación do meridiano entre Dunquerque e Barcelona, pero antes imparte cursos na universidade alemana de Gottinga, e traballa para a coroa inglesa nunhas medicións xeodésicas no Pacífico. Profesor de Astronomía e director do Observatorio Astronómico de Madrid, creador da sección de Mineraloxía do Museo de Ciencias Naturales, comisionado da Xunta Central -durante a invasión francesa- para trazar un mapa da Península e fixar un sistema máis exacto de Pesas e Medidas… Rexeita a oferta do Zar Alexandre I de Rusia para dirixir o observatorio de San Petesburgo.

Home liberal, de ideas avanzadas no social e con talante europeo, Rodríguez é obxecto de envexas, dentro e fóra da cátedra e remata sufrindo a sorte de moitos mal chamados "afrancesados". Marxinado polo poder absolutista, só sabemos que faleceu en Santiago en 1823, con apenas 54 anos de idade. En ignorada tumba repousan os restos deste home a quen os historiadores recordan como unha das grandes lumieiras da ciencia española.

Fonte: "A Comarca de Deza." Armando Vázquez Crespo / Daniel González Alén

Imagen Xosé Ródriguez e González
km0