Aviador e militar nado en San Martiño de Prado (Lalín) o 23 de setembro de 1895. Descendente dos Taboada do pazo de Liñares, ilustres militares, seguindo a tradición familiar ingresa en 1912 na Academia de Artillería. Participou na guerra de Marrocos, incorporándose en 1921 ó servicio da aviación militar, logo do seu ascenso a capitán. No seu destino de Melilla coñece a Eduardo González Gallarza, que anos despois o acompañará no voo Madrid-Manila. Polas súa valorosas accións na guerras do Rif, en setembro de 1923 impónselle a Medalla Militar xunto a outros destacados aviadores, entre eles Ramón Franco, Juan de Ortiz e o seu compañeiro Gallarza.
Loriga pilotou no aeródromo de Cuatro Vientos o autoxiro de Juan de la Cierva na súa proba inaugural ata Getafe, en 1926. O mesmo ano, no medio dunha grande expectación, o 5 de abril inicia cos capitáns Esteve e Gallarza o "raid" de Madrid a Manila a bordo de cadanseu aparato "Breguet". Os 18.900 quilómetros de percorrido, cheos de aventuras e avatares, cubríronos en trinta e tres días. Na longa viaxe, Esteve perdeu o seu aparato e Loriga houbo de abandonar o del, avariado en Macao, seguindo viaxe con Gallarza ata Aparri, onde foron clamorosamente recibidos. Aeroplanos do exército dos Estados Unidos acompañaríanos nos últimos quilómetros, entre Aparri e Manila, sendo recibidos por milleiros de nativos e numerosas personalidades; foron nomeados "Fillos Adoptivos" de Manila e recibiron innumerables homenaxes nos trece días de estancia naquelas terras, que tería a súa culminación días despois, ó seu regreso a España.
En 1927 recibe xunto a Franco, Ruíz de Alda e Gallarza a Medalla da Liga Internacional de Aviadores, e atendendo a petición dos seus paisanos, viaxa a Galicia. O 23 de xuño de 1927 aterra co seu avión no Monte do Toxo (Filgueira-Lalín), onde unha multitude entre a que se encontraba o neno Laxeiro acude a recibilo. Pouco despois de regresar a Madrid, atopa a morte no aeródromo de Cuatro Vientos, o 18 de xullo de 1927.
Lalín decide perpetuar a súa memoria, cun monumento obra do escultor Asorey. O 27 de agosto de 1933 inaugúrase nun céntrico parque da vila. A obra reproduce un avión chantado na terra, que simboliza unha cruz, que preside o aviador. Na base, as palabras "España-Filipinas" lembran a xesta deste fillo ilustre de Lalín.
Fonte: "A Comarca de Deza." Armando Vázquez Crespo / Daniel González Alén