Fillos Ilustres

Ramón María Aller Ulloa

Sacerdote, matemático e astrónomo.

Sacerdote, matemático e astrónomo. Naceu no pazo de Filgueiroa (Donramiro) o 3 de febreiro de 1878. Iniciou os estudios cos xesuítas da Guarda e continuounos no seminario de Lugo; ós vinte anos, antes aínda de ser subdiácono, xa alcanzara o doutorado en Teoloxía. Ordenado sacerdote con dispensa de dous anos, ós 26 obtiña como alumno libre a licenciatura en Ciencias Exactas pola Universidade de Madrid, e en 1912 doutórase con premio extraordinario. É neste mesmo ano cando constrúe en Lalín o primeiro observatorio astronómico de Galicia, seguindo a afección amosada desde neno.

O “milagre de Lalín” , como lle chamaba Castroviejo, pasaba mirando as estrelas tódalas horas que lle deixaban libres as súas ocupacións docentes e pastorais.

En 1939, é encargado de explicar Xeometría e Análise Matemática na Universidade de Santiago e cinco anos máis tarde créase para el a Cátedra de Astronomía. Don Ramón, que ó principio levara a Santigo o seu instrumental de Lalín, dispón xa dun observatorio na Universidade. Nel prosegue os seus estudios do firmamento, en estreita relación cos principais astrónomos europeos do momento, non en van dominaba dez idiomas. O inglés Wilkins puxo o nome de Aller a un cráter da Lúa.

Membro da Academia das Ciencias Exactas de Madrid, da Comisión da Astronomía e doutras institucións mundiais, inventor de aparellos de observación, de medición, algúns deles adoptado polo observatorio de París... Don Ramón acaba de cumprir 60 anos, é nomeado catedrático e director vitalicio do observatorio de Santiago, coengo honorario, e fillo adoptivo da cidade.

Falece o 28 de marzo de 1966, cando contaba 92 anos de idade. A súa morte foi chorada por tódolos seus paisanos.

Fonte: "A Comarca de Deza." Armando Vázquez Crespo / Daniel González Alén

Imagen Ramón María Aller Ulloa
km0