O CONCELLO ANIMA A TODOS OS LALINENSES A PARTICIPAR NA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ALIMENTOS DE O MENCER

O CONCELLO ANIMA A TODOS OS LALINENSES A PARTICIPAR NA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ALIMENTOS DE O MENCER
Luns 21 de Novembro de 2016 - Esta entidade busca un cento de voluntarios para colaborar na Gran Recollida de Alimentos que se celebrará, en concreto, os vindeiros 25 e 26 de novembro en horario de 10.00 horas da mañá a 22.00.

O concelleiro de Benestar Social anima a todos os lalinenses a participar na campaña solidaria de recollida de alimentos que vai desenvolver a asociación O Mencer os vindeiros venres e sábado. Esta entidade busca un cento de voluntarios para colaborar na Gran Recollida de Alimentos que se celebrará, en concreto, os vindeiros 25 e 26 de novembro en horario de 10.00 horas da mañá a 22.00 horas da tarde. A cantidade que se recolla irá destinada ao Banco de Alimentos de Pontevedra, que se encargará de distribuíla de acordo coas necesidades que se detectasen nas diferentes vilas da provincia.

Nicolás González Casares explica que a recollida, en ambas xornadas, vaise facer en horario continuado por diferentes establecementos da vila. “É por iso”, indica, “polo que cómpre unha gran mobilización cidadá que permita distribuír as quendas da maneira máis operativa”. Son precisos dous voluntarios cada dúas horas, agás nas horas de maior afluencia de clientes aos comercios, nos que será preciso incrementar a catro ese número. Nesta ocasión a recollida de alimentos vaise centrar nos hipermercados Eroski, Lidl e Gadis, situados nos centros comerciais, e no Gadis da rúa D.

O concelleiro de Benestar Social agarda unha ampla resposta por parte dos cidadáns de Lalín. Os que desexen inscribirse nesta iniciativa poden facelo mañá na sede de O Mencer a partir de las 17.00 horas ou chamando ao teléfono 638 456 255. Nicolás Gonzalez Casares confía en que nesta edición da campaña se poida superar a cantidade de alimentos que se recolleu o ano pasado e que ascendeu a 6.500 quilos.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín