- Na consecución desta Unidade de Estranxeiría e Documentación para Lalín foi clave a intermediación do lalinense e ex Comisario Xeral da Policía, Rafael Abeledo, ao que o Concello de Lalín homenaxeará o próximo sábado 30 de xullo concedéndolle a “Medalla de Ouro de Lalín”
- Todas as persoas que desexen pedir vez para acceder a un destes servizos deberán solicitar CITA PREVIA chamando ao número telefónico 060 ou ben a través da dirección electrónica www.citapreviadnie.es
- O alto número de documentos emitidos avala a decisión do executivo de implantar este servizo permanente no Concello para beneficio de lalinenses, dezaos e veciños limítrofes
Un total de 55.549 documentos, 48.865 DNI e 6.684 pasaportes, leva expedidos a Oficina da Policía Nacional de Lalín situada na planta baixa do Casa do Concello (Castro Tecnolóxico) desde a súa apertura en maio de 2015, o que avala a decisión que supuxo apostar pola implantación deste servizo permanente na Casa Consistorial e que evita a lalinenses, dezaos e veciños de municipios limítrofes ter que desprazarse a outras localidades como Santiago, Pontevedra e Lugo, entre outras, para realizar estes trámites esenciais, como viñan facendo ata ese momento.
No que vai de ano 2022 emitiu un total de 3.370 Documentos Nacionais de Identidade (DNI), e 886 pasaportes (datos comprendidos entre o 1 de xaneiro ao 14 de xullo), o que supón un número algo menor de DNI con respecto ao mesmo período do ano anterior (3.690) e unha cifra moi superior en canto ao número de pasaportes no referido espazo temporal (190).
As citas danse a través da plataforma dixital, na páxina oficial www.citapreviadnie.es e do teléfono 060 nestes momentos de verán a catro semanas vista para a renovación do DNI e a tres semanas para o pasaporte. O horario de atención ao público actual é de 9 a 14 horas. Non obstante nalgúns casos de expedicións de carácter urxente sempre que estivesen debidamente xustificadas poderíase obter o dito documento no mesmo día ou en días próximos.
Todas as persoas deberán presentarse a súa cita puntualmente para evitar esperas, co importe exacto en metálico da taxa para o seu pago no momento da expedición (12€ DNI e 30€ pasaporte), con 1 fotografía recente e en cor, co DNI ou pasaporte antigo, e cunha copia da denuncia para o caso do roubo ou perda de documento.
O Concello de Lalín dispón desta Oficina do DNI-pasaporte da Policía Nacional (Unidade de Estranxeiría e Documentación), isto é, dun servizo permanente de expedición de DNI e pasaportes desde o 4 de maio de 2015. Obtívose este servizo como resultado das xestións realizadas por José Crespo no mandato 2011-2015 coa Dirección General de la Policía (Ignacio Cosidó) do Ministerio del Interior (Ana Pastor) e tamén contando coa intermediación do excomisario lalinense, Rafael Abeledo, cuxo apoio e asesoramento así como colaboración inestimable e desinteresada foron claves no proxecto para dotar a Lalín desta Oficina de DNI-pasaporte permanentes. Por todo isto o Concello de Lalín renderalle homenaxe o próximo sábado 30 de xullo, ás 12.30 h, no Salón de Plenos, nun acto aberto á veciñanza.
A referida Oficina está atendida na actualidade por 4 funcionarias dos Corpos Xerais da Administración do Estado e por 5 funcionarios do Corpo Nacional de Policía. A Oficina dispón tamén dun Punto de Actualización de DNI á disposición dos cidadáns que permite actualizar e cambiar as claves do DNI electrónico, ante casos de perda ou esquecemento das claves ou cando estas se atopen caducadas, sempre e cando o modelo do DNI o permita.
As taxas para a obtención do DNI son 12 euros, excepto en casos de cambio de domicilio co DNI vixente, duplicado de DNI por fallo de chip integrado do documento (como no caso de revogación de certificados) e familia numerosa debidamente acreditada: nestes casos a expedición de dita expedición é gratuíta. As taxas de obtención de pasaporte son de 30 euros, excepto en casos de familia numerosa que é un trámite gratuíto.