UN TOTAL DE DEZ ENTIDADES E ASOCIACIÓNS COLABORAN XA NA CAMPAÑA “NINGÚN NENO E NENA SEN XOGUETE”

UN TOTAL DE DEZ ENTIDADES E ASOCIACIÓNS COLABORAN XA NA CAMPAÑA “NINGÚN NENO E NENA SEN XOGUETE”
Luns 19 de Decembro de 2016 - A Escola de Fútbol Lalín sumouse a unha proposta na que tamén participan a AED, os IES Laxeiro e Aller Ulloa, os centros comerciais Eroski e Pontiñas, as residencias Geriatros e Nosa Señora das Dores, Alimentación Nela e a Asociación de Alcohólicos Anónimos. A campaña ten o obxectivo de entregar un agasallo por Nadal aos menores de familias en risco de exclusión social e, ao mesmo tempo, fomentar a solidariedade. O desván municipal funciona como un dos puntos de entrega directa de xoguetes, roupa e outro útiles.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Benestar Social, fai un chamamento a todas as persoas a título individual, así como a empresas, asociacións, colectivos ou entidades do tecido social lalinense que estean interesadas, a colaborar coa campaña Ningún neno e nena sen xoguete 2016. Esta iniciativa ten o obxectivo de entregar un agasallo por Nadal aos menores de familias en risco de exclusión social do municipio e, ao mesmo tempo, fomentar a solidariedade como valor inspirador entre as persoas e os grupos sociais, atendendo especialmente á ilusión dos máis novos.

Polo e agora xa son dez as entidades ou asociacións que se sumaron á iniciativa. Na AED fixeron entrega de xoguetes, alimentos, produtos infantís varios, roupa e calzado infantil recollidos no Desfile Solidario que se celebrou o día 19 de novembro. Nos IES Laxeiro e Ramón María Aller Ulloa colocáronse puntos de recollida de xoguetes. O próximo luns día 19 de decembro retiraranse. Nos centros comerciais “Eroski” e “Pontiñas – Gadis” tamén se colocaron puntos de recollida e colaboraron con doazóns propias. Os box permanecerán colocados ata o 3 de xaneiro de 2017. Nas Residencias Geriatros e Nosa Sra das Dores colocaron un punto de recollida de xoguetes. Alimentación Nela colabora coa entrega de dúas cestas de nadal á Asociación de Mulleres en Igualdade de Cercio e a Asociación mulleres en Igualdade de Moneixas, que venderán rifas para recadar cartos para a campaña. A Asociación de Alcohólicos Anónimos entrega un lote de agasallos a estrear . A esta iniciativa tamén se vén de sumar a Escola de Fútbol Lalín , que instalará un punto de recollida de xoguetes no Manuel Anxo Cortizo, onde se poderán depositar as doazóns a partir do vindeiro luns.

Os beneficiarios do proxecto son aquelas familias do municipio que se encontren en situación de desvantaxe social con menores de idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos. Así, a primeira fase da campaña, xa executada, consistiu na elaboración por parte dos empregados de Benestar Social dunha listaxe de familias que opten a entrar en Ningún neno e nena sen xoguete 2016. Poderanse aportar xoguetes, xogos educativos, material escolar, roupa etc. Durante todo o mes de decembro irase procedendo á selección de agasallos segundo o seu estado de uso, reutilizándose a aqueles que estean en bo estado e e reciclándose aqueles que non. Por último, asignaránselle os agasallos a cada menor de cada unidade familiar seleccionada, procedendo á entrega dos mesmos o día 5 de xaneiro, coincidindo co día de Reis.

Desván municipal

Como vén sendo habitual, os agasallos que se recaden ao longo do mes de decembro irán sendo depositados no desván municipal, espazo que tamén se asigna como punto de recollida directa e que esta semana se mudou de dependencias, trasladándose aos baixos das antigas casas dos mestres do colexio Xesús Golmar, situadas no número 14 da rúa Memorias dun neno labrego. 

Roteiros de Lalín