UN TOTAL DE 8 EMPRESAS DE NOVA CREACIÓN BENEFÍCIANSE DAS AXUDAS DO CONCELLO AO EMPRENDEMENTO E Á FORMACIÓN DE EMPREGO

UN TOTAL DE 8 EMPRESAS DE NOVA CREACIÓN BENEFÍCIANSE DAS AXUDAS DO CONCELLO AO EMPRENDEMENTO E Á FORMACIÓN DE EMPREGO
Luns 11 de Xaneiro de 2016 - Cada beneficiario recibirá a cantidade de 1.000 euros que deben ir destinados a sufragar os primeiros gastos realizados pola empresa. Katia Procino recalcou a “firme aposta do Goberno pola creación de emprego, tal e como mostran os incremento das partidas postas en marcha para esta materia”.

Un total de 8 empresas lalinenses de nova creación beneficiáronse das bolsas de axuda postas en marcha polo Concello para o fomento do emprendemento e a creación de emprego. Así o vén de anunciar a concelleira delegada de Comercio, Emprego e Réxime Interno, Katia Procino, que destacou “o máis firme compromiso do Goberno de Lalín pola creación de postos de traballo”.

Cada beneficiario recibirá a cantidade de 1.000 euros que deberán ir destinados a sufragar os primeiros gastos realizados pola empresa, dende os tres meses anteriores ata os seis meses seguintes á data de inicio da actividade. Entre os gastos que poderán ser financiados, atópanse os custes de constitución e apertura, a adquisición das primeiras mercadorías, os gastos derivados de alugueiros, tanto de locais e equipamentos, como de elementos de transporte e, en xeral, todos os gastos correntes derivados da realización da actividade empresarial.

Ao abeiro da convocatoria do programa de Axudas Municipais para a creación de empresas no concello de Lalín, presentaron as súas propostas un total de 21 emprendedores para os seus respectivos proxectos empresariais. Destes 21 proxectos, foron 8 os que cumpriron os requisitos para seren aprobados, mentres os 13 restantes foron desestimados por diferentes motivos ao non cumprir as bases, tal e como recolle o informe do órgano instrutor.

Estas axudas postas en marcha polo actual Goberno, teñen como finalidade colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no concello de Lalín, apoiando a activación de novos proxectos empresariais. Tal e como explicou Procino, “a aposta do executivo nesta materia evidénciase por exemplo no incremento do 225% nos orzamentos que se destinarán en 2016 a plans específicos de fomento da actividade empresarial, comercial e para a creación de postos de traballo”. Deste xeito, ao longo deste mandato, as partidas destinadas por exemplo a plans formativos, ou a campañas de fomento do comercio local veranse incrementadas considerablemente.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín