UN TOTAL DE 18 EMPRESAS OPTAN AO PROXECTO PARA LEVAR O SANEAMENTO Á PARROQUIA DE ZOBRA

UN TOTAL DE 18 EMPRESAS OPTAN AO PROXECTO PARA LEVAR O SANEAMENTO Á PARROQUIA DE ZOBRA
Martes 15 de Maio de 2018 - A actuación alcanza os 165.602 euros de orzamento e permitirá desenvolver unha das intervencións máis ambiciosas das deseñadas no marco dos plans municipais para a recuperación do rural. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña lembrou que o proxecto de saneamento é absolutamente prioritario.

Continúan as mesas de contratación no Concello correspondentes a diferentes expedientes de licitación de importantes proxectos para a veciñanza de Lalín. Esta mesma mañá abríronse os sobres coas ofertas par o proxecto que permitirá dotar de rede de saneamento a parroquia de Zobra. Finalmente, tal e como informou o alcalde, rexistráronse neste procedemento aberto un total de 18 ofertas empresariais para optar a unha intervención que alcanza os 165.602 euros de orzamento e permitirá desenvolver unha das actuacións máis ambiciosas e ilusionantes da deseñadas no marco dos plans municipais para a recuperación do rural.

O vindeiro venres reunirase novamente a mesa de contratación para analizar os aspectos económicos de cada oferta. A previsión é que a adxudicación definitiva se produza no prazo aproximado dun mes. O proxecto finánciase ao abeiro da liña 1 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra e permitiralles a ducias de veciños dos lugares de Zobra, Acebedo e Portela, comunicar as súas vivendas a unha nova rede de sumidoiros, tal e como viñan demandando dende hai varios anos.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña lembrou que o proxecto de saneamento de Zobra é absolutamente prioritario e fai fincapé na singularidade da parroquia, de alto valor natural, ambiental e paisaxístico enmarcada en plena serra do Candán. O rexedor indicou que a actuación se demorou un pouco máis do previsto polas dificultades xurdidas no proceso de cesión dos terreos necesarios por parte dalgúns veciños. Non obstante, fixo fincapé en que coa execución desta obra os habitantes da parroquia verán resolta a necesidade de contar cun servizo de saneamento, unha reivindicación na zona que se verá cuberta grazas as actuacións municipais enfocadas a dotar de servizos dignos o rural.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín