TREIXADURA ANIMARÁ O SERÁN DA 50 FEIRA DO COCIDO CUN CONCERTO NA PRAZA DA IGREXA

TREIXADURA ANIMARÁ O SERÁN DA 50 FEIRA DO COCIDO CUN CONCERTO NA PRAZA DA IGREXA
Mércores 10 de Xaneiro de 2018 - O Concello de Lalín presentou hoxe unha actividade que pretende potenciar o ambiente na vila tras os actos centrais da Feira O alcalde e o concelleiro de Turismo destacaron a calidade de Treixadura, “un grupo acorde á importancia da 50 edición da Feira, que representa os valores que neste festexo queremos simbolizar”.

O grupo de música tradicional, Treixadura, actuará o vindeiro día 4 de febreiro en Lalín dentro dos actos da 50 edición da Feira do Cocido. Esta agrupación de referencia na música popular galega será a protagonista do serán o día no que a Feira cumpre as vodas de ouro, cun concerto que se desenvolverá na Praza da Igrexa a partir das 20.00 horas e no que se poderán escoitar os clásicos deste grupo e outros temas de novo repertorio. A actividade foi presentada esta tarde no Museo Municipal coa asistencia do alcalde, Rafael Cuíña, o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, o concelleiro de Novas Tecnoloxías e amigo persoal de membros do grupo, Tomás Vilariño, e os compoñentes de Treixadura, Toño Domínguez e Xurxo Raposo.

Francisco Vilariño abriu o acto de presentación indicando que o Concello de Lalín quixo contar na tarde da Feira do Cocido “cun grupo potente e acorde coa importancia que ten esta edición da Feira do Cocido e que responde ao que representa Trixadura,”. “Coa aposta por un grupo galego tan recoñecido e de tanta calidade” -engadiu- “dende o Goberno tamén buscamos que os milleiros de persoas que seguro que se van achegar pola mañá á Feira continúen na nosa vila despois de comer un cocido”.

Toño Domínguez e Xurxo Raposo agradeceron que o Concello de Lalín contase con eles para actuar nunha festa gastronómica de tanta relevancia como a Feira do Cocido. Ambos dixeron sentirse honrados polo convite e prometeron “un espectáculo que vai estar á altura e que vai responder ás espectativas postas en nós nunha cita tan sinalada”.

Pechou o acto de presentación o alcalde, Rafael Cuíña, sinalando que na xornada central da Feira “tamén buscamos propostas que simbolicen a noso país, a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa terra e consideramos que Trixadura está no primeiro nivel da “trincheira” na defensa de todos estes factores que queremos simbolizar”. Así mesmo, tamén apuntou que a celebración deste concerto responde ao obxectivo de buscar que a xente non marche despois dos actos centrais do festexo e que coma nos anos anteriores ateigue o pobo ata ben entrada a noite favorecendo a nosa hostalería e enchedo de ambiente Lalín. 

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín