SAMSUNG ELIXE O CONCELLO DE LALÍN PARA RODAR UN NOVO SPOT PUBLICITARIO

SAMSUNG ELIXE O CONCELLO DE LALÍN PARA RODAR UN NOVO SPOT PUBLICITARIO
Xoves 20 de Abril de 2017 - Este anuncio servirá como “carta de presentación única do noso concello”, asegurou Francisco Vilariño.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, anunciou onte que a multinacional coreana da electrónica e da tecnoloxía, SAMSUNG, rodará un spot publicitario no que se promocionará unha televisión de última xeración en Lalín. A gravación terá lugar de xeito íntegro dentro do consistorio lalinense deseñado polos arquitectos Mansilla e Tuñón e terá como elemento de referencia a escaleira helicoidal que destaca no vestíbulo do edificio. O edil mostrou unha enorme satisfacción porque despois de moito traballo, esta firma tan recoñecida a nivel mundial escollese Lalín para gravar un dos seus anuncios e fixo fincapé na enorme repercusión que vai ter para este municipio a emisión dun spot que se poderá ver en todo o mundo e que terá un alcance de millóns de persoas.

A produtora que vai realizará o vídeo comercial é Team Works Spain, que estará dirixido por Lily Coates e GabinYoungs, responsables de The Apiary, unha compañía australiana. Trátase dun proxecto de enorme dimensión onde Lalín competiu con outras localizacións de Alemaña, Brasil ou Xapón. O spot vaise gravar os días 29 e 30 deste mes coa participación dun equipo de 60 persoas, de modo que a súa presenza xa vai ter impacto na vila. Francisco Vilariño sostén que este anuncio servirá como “carta de presentación única do noso concello” e asegurou que “terá unha gran repercusión a nivel socioeconómico”.  

Roteiros de Lalín