A SALA DE PRENSA DO CONCELLO ACOLLE UNHA SESIÓN INFORMATIVA PARA ALCALDES DE BARRIO SOBRE A AVESPA ASIÁTICA

A SALA DE PRENSA DO CONCELLO ACOLLE UNHA SESIÓN INFORMATIVA PARA ALCALDES DE BARRIO SOBRE A AVESPA ASIÁTICA
Martes 18 de Abril de 2017 - Informarase sobre a problemática que entraña esta invasora e sobre os métodos de loita máis eficaces para a súa erradicación. Tamén se fixará un calendario de reunións parroquiais, posto que a colaboración veciñal é fundamental para e eliminacións de velutinas.

Os alcaldes e alcaldesas de Barrio das 52 parroquias que compoñen o Concello de Lalín están chamados a participar hoxe, ás 21.00 horas, nunha reunión informativa sobre a problemática da avespa asiática (Vespa velutina) que vai ter lugar na sala de prensa do consistorio. Así o veñen de anunciar os concelleiros de Rural, Miguel Medela, e de Actividade Agraria, Xosé Manuel Hermida. A sesión será impartida polo apicultor local David Liñares, e terá o obxectivo de informar aos presentes, principalmente, sobre os problemas causados por esta especie invasora -que se alimenta principalmente de abellas- e sobre os métodos de loita máis eficaces para a súa erradicación. Ao mesmo tempo tratarase de ir fixando un calendario de charlas polas diferentes parroquias destinadas a veciñas e veciños, de quen se busca a súa colaboración para actuar fronte á proliferación da avespa asiática.

O obxectivo desta iniciativa é o de dar a coñecer entre a poboación o conflito creado por este invasor e sensibilizala sobre a necesidade de proceder á súa erradicación colaborando na localización de niños e na eliminación mediante trampeo de exemplares. O trampeo en primavera é fundamental, pois é a época na que as raíñas de velutina “despertan” e comezan a instalar os novos niños, de modo que cada raíña capturada supón un niño menos e, polo tanto, unhas 20.000 avespas obreiras menos. Liñares indica que Lalín se atopa entre os concellos de Galicia de alto risco pola presenza de velutinas, o que fai moi importante a posta en marcha de accións de loita contra este insecto mediante a colaboración cidadá, xa que a súa presenza non afecta só aos apicultores, senón que repercute noutros moitos sectores e provoca alarma social. Como exemplo da gran proliferación desta especie invasora por Lalín indica que en accións de trampeo levadas a cabo nos últimos 20 días nas zonas de Gresande, Soutullo e Ramil, se eliminaron unhas 160 raíñas. 

Roteiros de Lalín