A ROTONDA DO MONSERRAT CONTARÁ CUNHA SOLUCIÓN ESTÉTICA REFERENTE Á PROXIMIDADE DO CASTRO DE DONRAMIR

A ROTONDA DO MONSERRAT CONTARÁ CUNHA SOLUCIÓN ESTÉTICA REFERENTE Á PROXIMIDADE DO CASTRO DE DONRAMIR
Luns 11 de Decembro de 2017 - O concelleiro de Urbanismo indica que para a adxudicación desta obra valorarase a inclusión dun ou varios elementos ornamentais que representen a importancia arqueolóxica da zona. González Casares explica que tamén se terá en conta a harmonía da proposta e a integración do conxunto dos seus elementos coas glorietas próximas. A construción desta rotonda sairá a licitación nas próximas semanas cun orzamento máximo de preto de 192 mil euros.

Nicolás González Casares explicou hoxe que o Concello de Lalín valorará como un dos criterios para a adxudicación das obras de construción da rotonda de Monserrat os elementos ornamentais propostos para o embelecemento da glorieta. Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo indica que -tal e como establecerá o prego de prescricións técnicas desta iniciativa- terá especial importancia que a solución estética que se propoña por cada unha das empresas que participen no proceso teña como referencia a proximidade do Castro de Donramiro e os restos arqueolóxicos atopados na zona. González Casares informa de que, de maneira preferente, esa solución estética terá que consistir nunha escultura ou nalgún outro elemento con volume que represente este motivo.

Así se recollerá no prego que rexerá a licitación desta iniciativa e que será aprobado polo Goberno nas vindeiras semanas, antes de que remate este ano 2017. Ese documento estipula que na proposición técnica tamén se valorará a harmonía e a integración estética do conxunto de elementos propostos coas glorietas próximas, como a rotonda do Alto de Vales, a rotonda de Willy e a rotonda de conexión da rúa Corredoira coa rúa da Ponte.

Deste xeito, a memoria técnica deberá definir cada un dos elementos ornamentais propostos, con indicación expresa dos materiais nos que estarán realizados. Tamén deberá describir polo miúdo os sistemas de ancoraxe e as operacións necesarias para o mantemento dos mesmos nos vindeiros 10 anos. Ademais, a proposta terá que incluír imaxes dos elementos co fin de avaliar a harmonía da proposta, así como a integración estética da glorieta co resto das existentes na Avenida Xosé Cuíña.

Nicolás González Casares lembra que o orzamento máximo de licitación dos traballos para a construción da rotonda do Monserrat ascende a 191.590,52 euros. Esta cantidade, tal e como foi aprobado en Pleno, financiarase como investimento financeiramente sostible con cargo ao superávit do ano 2016. Debido a isto, os pregos para a súa licitación deberán estar aprobados antes do 31 de decembro deste ano, e as obras executadas antes do 31 de decembro de 2018. En calquera caso, González Casares estima que as actuacións estarán concluídas antes do vindeiro verán.

O concelleiro de Urbanismo explica que a rotonda do Monserrat servirá para mellorar a fluidez do tráfico e incrementar a seguridade viaria para peóns e vehículos na intersección das avenidas Xosé Cuíña e Madrid, e permitirá mellorar a conexión viaria entre o casco urbano e Donramiro. A glorieta terá 50 metros de radio e ocupará entre 600 y 700 metros cadrados, nuns terreos para cuxa cesión se asinaron diferentes convenios cos 11 propietarios afectados. 

Roteiros de Lalín