RETIRADA A PLACA FALANXISTA DA IGREXA DE LALÍN

RETIRADA A PLACA FALANXISTA DA IGREXA DE LALÍN
Venres 19 de Maio de 2017 - Membros da brigada municipal de obras extraeron da parede da igrexa este elemento que honraba ao fundador da falanxe, José Antonio Primo de Rivera, e aos caídos no alzamento militar do 36. Francisco Vilariño explicou que con este acto simbólico “rachouse con moitos anos do que supoñía un insulto para as vítimas do franquismo e para as súas familias nun exercicio de normalidade democrática.

A placa falanxista da igrexa de Lalín foi retirada na tarde de onte coa presenza do concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, e o párroco, Marcos Torres, que propuxo esta acción na que o Concello colaborou dende o primeiro momento ata facela realidade.

Membros da brigada municipal de obras extraeron da parede da igrexa este elemento que honraba ao fundador da falanxe, José Antonio Primo de Rivera, e aos caídos no alzamento militar do 36. Coa súa eliminación, en palabras do concelleiro, “non facemos outra cousa que cumprir a lei dándolle absoluta normalidade a algo que non tiña que ter sucedido a través dun exercicio democrático que permitirá erradicar de Lalín un elemento de exaltación franquista que nunca debería ter estado aquí”.

Francisco Vilariño explicou que con este acto simbólico “rachouse con moitos anos do que supoñía un insulto para as vítimas do franquismo e para as súas familias” e engadiu que “dende o Goberno local se ofrecen todos os medios á cidadanía para retirar de espazos non municipais calquera simboloxía falanxista e do franquismo”. Finalmente agradeceu “profundamente” ao párroco, Marcos Torres, a súa iniciativa para que a placa de exaltación falanxista deixe de verse na igrexa de Lalín.

Roteiros de Lalín