A REHABILITACIÓN DE LALÍN DE ARRIBA INCLUIRÁ O SOTERRAMENTO DO TENDIDO ELÉCTRICO E A INSTALACIÓN DE NOVOS SUBMINISTROS COMO GAS

A REHABILITACIÓN DE LALÍN DE ARRIBA INCLUIRÁ O SOTERRAMENTO DO TENDIDO ELÉCTRICO E A INSTALACIÓN DE NOVOS SUBMINISTROS COMO GAS
Venres 1 de Xuño de 2018 - González Casares indicou que o proxecto técnico se atopa nunha fase de redacción moi avanzada e anunciou a convocatoria dunha reunión informativa que terá lugar o vindeiro xoves. A actuación, ademais de fomentar a posta en valor e o embelecemento da zona, suporá a posta en marcha de importantes melloras en servizos para a veciñanza.

O tenente de alcalde e coordinador da estratexia DUSI Lalín Ssuma 21, Nicolás González Casares, informou hoxe de que a redacción do proxecto para a rehabilitación do conxunto histórico de Lalín de Arriba se atopa xa nunha fase avanzada. E nesta liña, indicou que esta importante intervención urbana incorporará significativas melloras para os veciños e veciñas relacionadas principalmente cos abastecementos e servizos. Deste xeito, a actuación implicará o soterramento da rede de tendido eléctrico, o que permitirá eliminar as antiestéticas “marañas” de cables aéreos e avanzar no obxectivo de embelecer a zona. Paralelamente, como explicou o concelleiro, trataranse de incorporar novas instalacións de abastecemento como gas natural, cable de telecomunicacións e melloras na separación de augas para dar servizo á veciñanza.

Todas estas melloras seranlles explicadas aos residentes nunha reunión que terá lugar o vindeiro xoves, día 7 de xuño, ás 20.30 horas na sala de prensa do concello. Nesta xuntanza participará o arquitecto redactor do proxecto, Luís Fernández, do estudo de arquitectura “Enki Arquitectura”, que responderá a todas as cuestións plantexadas polas persoas asistentes. Este proxecto enmarcado na estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) mediante o Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020) conta cun orzamento total de inversión de 281.250 euros e inclúese no Obxectivo Temático número 6 da estratexia, que acolle as iniciativas de protección, fomento e desenvolvemento do patrimonio histórico, cultural e natural.

Como é sabido, a actuación principal enfocarase á humanización do entorno da igrexa parroquial, para mellorar o aspecto xeral da zona. Isto levarase a cabo mediante a adecuación das calzadas, o ensanchamento das zonas verdes próximas e novas iniciativas para poñer en valor a entrada do Camiño de Inverno ao casco urbano de Lalín. Trátase, en definitiva, -explicou Casares- de dar significación a este lugar tan acolledor e poñer en valor o punto de orixe histórica de Lalín, mediante a dotación de servizos, empedrados, arranxo de viais, aumento de zonas verdes, ou dotación de simboloxía correcta do Camiño de Inverno, unha ruta xacobea que o Goberno está a promocionar como eixo de dinamización económica e social.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín