A REHABILITACIÓN DE LALÍN DE ARRIBA INCLUIRÁ A HUMANIZACIÓN DAS RÚAS MEDIANTE UNHA SOLUCIÓN QUE EVOCARÁ UNHA CALZADA

A REHABILITACIÓN DE LALÍN DE ARRIBA INCLUIRÁ A HUMANIZACIÓN DAS RÚAS MEDIANTE UNHA SOLUCIÓN QUE EVOCARÁ UNHA CALZADA
Luns 11 de Xuño de 2018 - Os veciños e veciñas mostraron na reunión de onte gran conformidade coa intervención

O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, mantivo este xoves unha reunión cos veciños e veciñas de Lalín de Arriba na que tamén participou o arquitecto Luís Fernández, e que tivo por obxecto principal presentarlles aos presentes os avances no proxecto de recuperación da área histórica desta localidade, incluído na estratexia Lalín Ssuma 21. Unha das cuestións sobre as que se informou no encontro foi relativa á solución que se adoptará para a humanización das rúas próximas á igrexa parroquial. Como informou o arquitecto, o acondicionamento das vías executarase en base ao estudo histórico elaborado previamente.

Desta maneira, dotarase dun pavimento a base de formigón lavado que lembrará a cor da terra, intercalado con lousas granítica nas marxes e na zona central, co obxecto de dar a conformidade de camiño. Esta mellora permitirá, ademais, crear unha calzada ben marcada e cun deseño óptimo para poñer en valor a entrada á vila do Camiño de Inverno. Así mesmo, outras zonas próximas de reseñable singularidade serán humanizadas mediante diferentes pavimentos, co obxecto de darlle un aspecto máis nobre e definido.

González Casares fixo referencia á gran conformidade que mostrou a veciñanza cun proxecto cuxa redacción está practicamente finalizada. Así mesmo os presentes aproveitaron para ofrecer diferentes opinións e propostas, algunhas das cales se van incluír nesta intervención. Destaca a grande preocupación que amosaron polo mal estado e a falta de funcionamento da fonte próxima ao cruceiro, un elemento patrimonial histórico que vai ser arranxado mediante este proxecto.

Este proxecto enmarcado na estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) mediante o Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020) conta cun orzamento total de inversión de 281.250 euros. Ademais das actuacións citadas, tamén contempla importantes melloras no ámbito dos servizos tales como o soterramento da rede de tendido eléctrico e a incorporación de novas instalacións de abastecemento como gas natural, cable de telecomunicacións e melloras na separación de augas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín