RAFAEL CUÍÑA ACADA O COMPROMISO DE ABANCA PARA MINIMIZAR A REDUCIÓN DE HORARIOS E SERVIZOS NA SUCURSAL DE VILATUXE

Mércores 15 de Marzo de 2017 - Foi nunha reunión mantida onte en Santiago coa directora territorial de Abanca en Pontevedra. A entidade financeira comprométese a atender xestións empresariais calquera día da semana na oficina de Vilatuxe, previa solicitude de cita na sucursal de Lalín. Abanca instalará unha máquina para que calquera veciño poida realizar os seus ingresos e analizará ampliar a apertura da sucursal os primeiros días de cada mes. O rexedor, que cualificou a reunión de “cordial e construtiva”, tamén xestionou un futuro encontro do presidente da Asociación de Veciños coa delegada territorial en Pontevedra.

O alcalde de Lalín mantivo onte en Santiago unha reunión coa delegada territorial de Abanca en Pontevedra para analizar posibles vías de solución á redución de servizos e de días de apertura prevista para a oficina de Vilatuxe. A semana pasada a entidade financeira remitía un escrito aos clientes desta histórica sucursal para informar de que, a partir do vindeiro 16 de marzo, as instalacións só abrirán os xoves e o primeiro e o último día de mes. Este recorte na atención suscitou o rexeitamento unánime dos usuarios, que contan co apoio do Goberno local nas súas reivindicacións. Así llo trasladou Rafael Cuíña a Carmen Fernández nun encontro que o rexedor cualificou de “cordial e construtivo” e no que Abanca se comprometeu a minimizar a redución de servizos prevista.

Nesta liña, o alcalde acadou o compromiso de que a entidade financeira atenderá calquera solicitude de xestión comercial ou administrativa que se lle realice por parte do empresariado da zona calquera día da semana. Para iso, os interesados tan só terán que solicitar cita previa chamando ao número de teléfono da oficina de Abanca en Lalín. Para o resto dos clientes tamén se reducirá o impacto do recorte nos horarios coa instalación dunha máquina -coñecida como ingresador en firme- que permitirá o ingreso ou a retirada de billetes durante os sete días da semana e as 24 horas do día, operacións que quedarán rexistradas informáticamente e que terán a mesma validez que unha retirada ou ingreso de efectivo nas propias instalacións da sucursal.

Ademais, a delegada territorial da entidade financeira tamén se comprometeu a analizar a posibilidade de ampliar a apertura da sucursal durante os primeiros días de cada mes, que son os que habitualmente acollen unha maior actividade por seren xornadas de cobro de pensións ou de nóminas. En calquera caso, Carmen Fernández aseguroulle a Rafael Cuíña que Abanca non ten previsto pechar a sucursal de Vilatuxe nin a curto nin a medio prazo, algo que constituía un dos principais temores dos veciños da parroquia tras seren informados da redución nos días de apertura.

O rexedor considera que o encontro mantido esta mañá en Santiago constitúe “un pequeno paso” de cara a a minimizar a merma de servizos para os clientes da sucursal de Vilatuxe, pero tamén expresou o seu desexo de que nos vindeiros días se poida producir “algún máis” que permita dar satisfacción ás reivindicacións dos afectados. Nesta liña, o rexedor tamén aproveitou o encontro de hoxe para xestionar unha reunión entre o presidente da Asociación de Veciños de Vilatuxe e a delegada territorial de Abanca en Pontevedra, unha reunión que Cuíña agarda poida servir para dar unha resposta máis ampla ás inquedanzas dos clientes desta oficina. O rexedor xa lle comunicou a Gerardo López os resultados deste encontro e, unha vez máis, volveu a poñerse á disposición dos veciños para apoialos nas súas demandas.

Roteiros de Lalín