PUBLICADA A LISTA DEFINITIVA DE PERSOAS ADMITIDAS E EXCLUÍDAS NO PROCESO DE SELECCIÓN DUNHA PRAZA DE POLICÍA LOCAL

PUBLICADA A LISTA DEFINITIVA DE PERSOAS ADMITIDAS E EXCLUÍDAS NO PROCESO DE SELECCIÓN DUNHA PRAZA DE POLICÍA LOCAL
Luns 23 de Xaneiro de 2017 - En total participarán na fase de oposición 170 aspirantes dos preto de 200 que presentaron instancias. A proba de coñecementos teóricos terá lugar o día 3 de febreiro ás 10 da mañá no Lalín Arena.

A concelleira de Emprego do Concello de Lalín, Katia Procino, vén de informar de que xa está publicada a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas no proceso de selección dunha praza de Policía local do Concello de Lalín. O listado pódese consultar de xeito público tanto na páxina web municipal, www.lalin.gal -no apartado de selección de persoal- como no taboleiro de anuncios situado no vestíbulo do consistorio. Finalmente participarán no procedemento 170 persoas entre as preto de 200 que presentaron instancias.

A Xunta de Goberno Local en sesión celebrado o 9 de outubro de 2015 e modificada por acordo de 7 de novembro de 2016 aprobou as bases de selección para o nomeamento en propiedade polo procedemento ordinario mediante oposición libre dunha praza de Policía Local como funcionario de carreira do Concello de Lalín. A fase de oposición compoñerase de 5 exercicios obrigatorios e de carácter eliminatorio. O primeiro será unha proba de coñecementos tipo test, que terá lugar no Centro Deportivo Municipal Lalín Arena o día 3 de febreiro ás 10.00 horas. Os outros exercicios consistirán en probas físicas e comprobación de altura, así como na superación de exames médico e psicotécnicos.

Roteiros de Lalín