PROCINO RECORDA QUE OS INTERESADOS EN PARTICIPAR NO “EMPRENDE LALÍN XOVE 2015/16” DEBEN ANOTARSE NO CÓDIGO 930 DA OFICINA DE EMPREGO

PROCINO RECORDA QUE OS INTERESADOS EN PARTICIPAR NO “EMPRENDE LALÍN XOVE 2015/16” DEBEN ANOTARSE NO CÓDIGO 930 DA OFICINA DE EMPREGO
Mércores 26 de Agosto de 2015 - A concelleira sinala que “é necesario darlle a máxima visibilidade a este programa de inserción laboral e facelo absolutamente transparente”. O prazo de presentación de solicitudes para optar ás bolsa de axuda para a creación de novas empresas, permanecerá aberto ata o próximo 15 de outubro.

A concelleira responsable de Educación e Emprego, Katia Procino, recorda que as persoas interesadas en participar no programa integrado de emprego “Emprende Lalín Xove 2015/16”, deberán solicitar na propia Oficina de Emprego a inscrición neste programa, anotándose no código 930. A iniciativa, que se encamiña a dotar ás persoas en situación de desemprego de ferramentas e recursos que melloren a súa ocupabilidade, comezará en setembro de 2015 e finalizará en agosto de 2016. Katia Procino indicou que o Goberno Municipal quere “darlle a máxima visibilidade a este programa de inserción laboral e facelo absolutamente transparente, polo que é imprescindible que os interesados teñan claro o código no que inscribirse”. A concelleira tamén fixo fincapé en que, ante calquera dúbida, os solicitantes non reparen en dirixirse ao Servizo de Emprego do Concello de Lalín, ou chamar ao 986 78 70 60.

Por outra parte, Katia Procino recordou que o prazo de presentación de solicitudes para optar ás bolsa de axuda para a creación de novas empresas, permanecerá aberto ata o próximo 15 de outubro. As bases poden consultarse na páxina web do concello, www.lalin.org, ou no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOP). As demandas presentaranse mediante o modelo normalizado no Rexistro Xeral do Concello. O programa de subvencións posto en marcha pola concellería de Comercio, Emprego, Educación e Réxime interno, conta cun orzamento de 12.000 euros e ten como finalidade colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no concello de Lalín, apoiando a activación de novos proxectos empresariais. A contía destas subvencións será de ata 1.000 euros por empresa ata acadar o orzamento total asignado para este fin.

CURSOS DE FORMACIÓN DE LINGUA GALEGA

O Departamento de Xuventude do Concello de Lalín informa de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar diferentes cursos de formación de lingua galega con carácter gratuíto. Poderán ser solicitados por persoas maiores de 16 anos, ou por aqueles que os cumpran no 2015. As solicitudes de participación pódense presentar ata o 8 de setembro por vía electrónica, na páxina da Xunta de Galicia. Cada curso terá unha duración de 70 horas lectivas, divididas en sesións de dúas horas. En Lalín impartirase o Celga 3 no IES Laxeiro, comezando o 19 d outubro e rematando o 9 de decembro, en horario de 20.00 a 22.00 horas, de luns a venres. Os cursos teñen como finalidade facilitarlles ás persoas interesadas o coñecemento e o dominio da lingua galega co que poder obter os certificados de lingua galega Celga.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín