A PRAIA FLUVIAL DE POZO DO BOI QUEDOU ABERTA AO BAÑO DENDE HOXE CO PECHE DAS COMPORTAS DO RÍO

A PRAIA FLUVIAL DE POZO DO BOI QUEDOU ABERTA AO BAÑO DENDE HOXE CO PECHE DAS COMPORTAS DO RÍO
Martes 19 de Xuño de 2018 - Cuíña e Medela salientan as melloras para os usuarios tras os traballos realizados nos últimos días. Operarios municipais procederon hoxe a colocar as renovadas comportas para pechar o río.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Rural, Miguel Medela, asistiron hoxe aos traballos de peche das comportas da praia fluvial de Pozo do Boi, unha actuación que a zona estea operativa para o baño dende hoxe mesmo e durante todo o verán. Os traballos leváronse a cabo, tal e como estaba previsto, tendo a conta previsión de bo tempo para esta fin de semana e unha vez se executaron nos últimos días as actuacións de mantemento e acondicionamento programadas na estrutura que serve de base ás comportas. Cuíña e Medela convidaron “a todos os lalinenses e visitantes a desfrutar durante o verán desta zona de ocio, cunha calidade da auga excelente para o baño, e nun entorno natural e paisaxístico inmellorable”.

O Concello acometeu o arranxo dos ferros de contención da praia, co reforzamento dos postes que presentaban corrosión mediante o acoplamento de reforzos metálicos que garantirán a súa correcta estabilidade. Ao mesmo tempo, tamén se substituíron as vellas táboas de madeira por unhas novas, o que permite incrementar a eficacia na contención da auga e manter en niveis óptimos a seguridade. Entre as melloras que se desenvolveron nos últimos días tamén se inclúe un novo sistema de anclaxes para as escaleiras que dan acceso á zona de baño. Isto fará posible que sexan retiradas na época de peche ao público, de maneira que se evitará que as crecidas as arrastren como ten pasado outros anos.

Por outra banda, e despois dos traballos de mantemento za realizados de maneira previa á celebración do Trail de Vilatuxe, hoxe tamén se levaron a cabo tarefas de limpeza e acondicionamento no entorno da área recreativa. A estas actuacións hai que sumarlle as melloras que se están a realizar no locais habilitados como vestiarios e as que se realizarán na pista de area que hai na zona, o que permitirá desenvolver diferentes actividades deportivas -na súa modalidade de praia- ao longo de todo o verán. O Concello tamén está a acometer a retirada de troncos e outra materia vexetal que hai na canle da praia fluvial para que estea nas mellores condicións.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín