AS PISCINAS EXTERIORES DE LALÍN ABRIRÁN AO PÚBLICO DO 1 DE XULLO AO 31 DE AGOSTO

AS PISCINAS EXTERIORES DE LALÍN ABRIRÁN AO PÚBLICO DO 1 DE XULLO AO 31 DE AGOSTO
Martes 20 de Xuño de 2017 - As familias con escasos recursos económicos poderán, por segundo ano consecutivo, acceder a un bono para acceder de balde ás instalacións. Todos os usuarios poderán desfrutar da nova zona de lecer tras as obras de ampliación de finais do verán pasado. O Concello está xa a realizar o proceso de selección para a contratación de dous socorristas e executa traballos previos de mantemento e acondicionamento.

O tenente de alcalde de Lalín anunciou hoxe que as piscinas exteriores permanecerán abertas ao público a partir de vindeiro 1 de xullo, sábado, e ata o vindeiro 31 de agosto, xoves. Nicolás González Casares explicou que nestes momentos estanse a realizar os traballos previos de mantemento e acondicionamento para que as instalacións estean en óptimas condicións de cara a súa apertura. Ademais, explicou que o Concello xa activou o proceso selectivo para a contratación dos dous socorristas que prestarán servizo nas piscinas durante a etapa estival.

Por outra banda, Casares lembrou que as familias con escasos recursos do Concello de Lalín poderán acceder de balde por segundo ano consecutivo ás piscinas exteriores, tal e como estaba previsto en virtude dos cambios aprobados na nova ordenanza fiscal, no apartado de actividades deportivas. Os prezos públicos pola prestación de servizos nas instalacións deportivas municipais do Concello de Lalín establecéronse tendo como principal obxectivo o de fomentar medidas de carácter social ao tempo que se responde ás necesidades puntuais e ás demandas do usuariado. Para poder optar á gratuidade, as persoas interesadas deberán solicitar un bono de tempada acreditativo que se dispensará no Lalín Arena, previa solicitude, a partir de xornada de mañá.

Tamén por segundo ano consecutivo se ampliou de 14 a 16 anos a idade dos usuarios que poden acceder coa tarifa establecida para menores. Eles, ao igual que os maiores de 59 anos, verán reducido nun 50 por cento o prezo da entrada ás piscinas. Doutra banda, redúcese o prezo do abono de discapacitados nun 15% en cada unha das súas modalidades. Por último, salientar que as persoas abonadas ao Lalín Arena terán entrada gratuíta.

O concelleiro de Deporte e Benestar Social, Nicolás González Casares, considera que estas medidas favorecerán “a moitas unidades familiares ás que lles resultaba complicado asumir o custe dun verán enteiro pagando diariamente a entrada ás instalacións”. Trátase, explicou, “dunha acción a prol das políticas sociais inclusivas sobre as que traballa o Goberno de Lalín e que son a nosa absoluta prioridade”.

Ademais, este ano os usuarios poderán desfrutar por primeira vez do novo espazo de lecer habilitado tras as obras de ampliación que se levaron a cabo a finais do pasado verán. O proxecto incluíu a construción, na zona norte, dun muro de contención e a execución dun recheo e reparación do solo, que permitiu gañarlle a ese lateral unha envergadura duns 5 metros desprazando o cerramento. A lonxitude total do muro está en torno aos 49 metros. Asemade, o proxecto tamén contempla a instalación de varias zonas de sombra. Para dar resposta ás demandas dos usuarios e para incrementar a calidade das instalacións.

Os traballos tiveron un orzamento total de 31.865,09 euros dos que 21.603,45 proviron dunha subvención para a creación e/ou mellora das infraestruturas, instalacións e equipos vinculados á prestación de servizos municipais destinados a concellos de Galicia para o programa FEADER 2014-2020. A cantidade restante foi aportada polo Concello.

Roteiros de Lalín