A PISCINA ABERTA IMPONSE POR ESCASA MARXE NO PROCESO PARTICIPATIVO PARA DECIDIR O NOVO USO DAS ANTIGAS PISCINAS CLIMATIZADAS

A PISCINA ABERTA IMPONSE POR ESCASA MARXE NO PROCESO PARTICIPATIVO PARA DECIDIR O NOVO USO DAS ANTIGAS PISCINAS CLIMATIZADAS
Mércores 4 de Outubro de 2017 - Dun total de 535 votos emitidos en urna obtivo 142, só 11 máis que a zona de ocio e xogos. O Concello vai ter en conta o resultado e a seguinte fase consistirá na realización de informes técnicos e en valorar as dificultases técnicas da execución do proxecto vencedor. González Casares considera que o Goberno foi elixido para tomar decisións pero insiste en que nalgúns asuntos nos que poida non existir un posicionamento claro a participación é unha boa ferramenta. Este proceso “exitoso, histórico e pioneiro” serviu para a creación do novo portal de participación, así como para a elaboración de estudos sociodemográficos de utilización aberta.

O proxecto de ampliación das piscinas exteriores existentes deixando o vaso da antiga piscina climatizada ao aire libre para a práctica da natación, impúxose por unha escasa marxe no proceso participativo impulsado polo Concello para decidir que novo uso darlle a estas instalacións. Dun total de 535 votos emitidos en urna, este proxecto obtivo 142, é dicir, o 26,54%. Foi seguido moi de preto pola zona de ocio e de xogos, un espazo multifuncional para actividades sociais, culturais e deportivas, que alcanzou as 131 papeletas e o 24,8% da porcentaxe. Recuperar o uso da instalación como piscina climatizada foi a alternativa que quedou en 3º lugar con 104 votos (19,43%), mentres que o proxecto que recibiu menos apoios foi o da zona multideportiva con 58 (10,84%).

Así, a ampliación da piscina exterior foi das alternativas finalistas a que máis gustou entre os lalinenses, seguida moi de preto polo edificio polivalente no que pode considerase case “como un empate técnico”, en palabras do tenente de alcalde, Nicolás González Casares. Analizados os resultados destaca que venceu o proxecto que se presenta como máis custoso en termos económicos, aspecto que, non obstante, non pesou na cidadanía á hora de elixir. O Concello vai ter en conta o resultado á hora de tomar a decisión do proxecto a executar. A seguinte fase consistirá na realización de informes técnicos e, sobre todo, en valorar as dificultases técnicas que a execución do proxecto vencedor pode entrañar.

A cidadanía falou dentro dun proceso que foi pioneiro e que obtivo unha alta participación, con máis de 500 enquisas previas e 535 votos en urna” indicou Casares. Este nivel de participación é elevado, máis se o comparamos con outros similares como os levados a cabo na Coruña, que obtiveron unha participación semellante aínda sendo a poboación moito maior. Así mesmo, “é relevante que se trata da primeira vez na historia de Lalín que se toma o pulso da cidadanía deste xeito e se leva a cabo un procedemento destas características, que é pioneiro, incluso dentro de vilas e municipios similares ao noso”. “Foi darlle a voz á xente dentro dunha nova filosofía e dunha nova forma de gobernar” -sostén o tenente de alcalde- que considera que “toda a cidadanía foi consciente da posta en marcha deste proceso, que se levou, ademais, a todas as asociacións, colectivos e colexios de Lalín”.

Casares tamén anunciou que o Concello seguirá levando a cabo técnicas participativas regradas como a que nos ocupa, aínda que as consultas poidan ser noutros casos máis sinxelas. Por outra banda fixo fincapé en que “non se tratou só dun proceso de elección, senón que serviu para introducir a mentalidade de participación e a pedagoxía na cidadanía, así como para crear novas ferramentas que perdurarán como o portal de participación, participa.lalin.gal, ou os estudos sociodemográficos do concello que xa están sendo utilizados, non só por técnicos municipais, senón tamén por axentes externos para outro tipo de traballos”.

Por último, González Casares insistiu en que o Goberno considera que foi elixido para tomar decisións. Non obstante nalgúns asuntos nos que poida non existir un posicionamento claro por parte do executivo ou naqueles nos que haxa un claro debate cidadán, “a utilización de procesos participativos é unha boa ferramenta para a toma de decisións”. “Non imos abusar deles” -aclara- “pero é importante que a cidadanía participe á hora de levar a cabo diferentes eleccións de interese xeral”.

Roteiros de Lalín