PERMANECE ABERTO ATA O XOVES O PRAZO PARA ANOTARSE NA VIAXE DE IRMANDAMENTO PARA MAIORES A ESCALDES-ENGORDANY

Martes 24 de Abril de 2018 - As solicitudes poden presentarse a través do rexistro do Concello de Lalín, ou a través da sede electrónica. Hai 30 prazas dispoñibles e a súa adxudicación realizarase por sorteo no caso de existira maior demanda que oferta. A viaxe celebrarase entre o 10 e o 14 de maio.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, lembrou que permanece aberto ata o próximo xoves, día 26, o prazo para presentar solicitudes de participación na viaxe de irmandamento para persoas maiores á localidade andorrana de Escaldes-Engordany, que se celebrará entre os días 10 e 14 de maio. Hai un total de 30 prazas dispoñibles e as solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Lalín ou ben a través da sede electrónica, con data límite o día 26 de abril. Esta iniciativa enmárcase dentro do convenio de irmandamento asinado o pasado mes de febreiro entre Escaldes e o Concello de Lalín, que inclúe a celebración de 4 intercambios entre este ano e o que vén. Neste caso, a viaxe está destinada a persoas empadroadas e con residencia en Lalín que teñan máis de 65 anos.

A adxudicación de prazas realizarase por sorteo no caso de que o número de persoas solicitantes supero o número de prazas ofertada. O sorteo terá lugar o día 27 de abril ás 09.00 horas no Concello de Lalín ante o Secretario Municipal. Para resultar adxudicatarias, as persoas solicitantes deberán acudir ao sorteo. As beneficiarias ou beneficiarios asumirán o custe do billete de avión de ida e volta entre Santiago de Compostela e Barcelona, así como os custes do seguro.

As persoas que accedan a este programa poderán gozar dunha estancia de 5 días nun hotel de Escaldes-Engordany en habitacións dobres ou individuais en réxime de pensión completa. Entre os obxectivos desta iniciativa está o de fomentar as capacidades sociais e de relación das persoas maiores, favorecer o intercambio de experiencias a través das actividades grupais de ocupación do tempo de lecer, ou promover o encontro entre persoas de diferentes localidades e culturas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín