OS SINDICATOS APOIAN A PROPOSTA DO CONCELLO PARA ELABORAR AS BASES PARA A CREACIÓN DUNHA BOLSA DE EMPREGO MUNICIPAL

Martes 20 de Decembro de 2016 - Os representantes dos traballadores tamén amosan o seu acordo na contratación de catro conserxes para servizos xerais. O rexistro permanecerá aberto o próximo domingo todo o día e durante a próxima semana polas tardes, para facilitar os empadroamentos.

Representantes do Concello de Lalín e membros dos sindicatos mantiveron esta mañá un novo encontro para avanzar na regularización de empregados municipais contratados en fraude de lei. O encontro forma parte dos contactos que se están a producir desde que se coñeceron as resolucións da Inspección de Traballo que obrigan a facer indefinidos a medio cento de traballadores, tanto do propio Concello como do Padroado Cultural.

Na xuntanza de hoxe informouse aos representantes sindicais de que aínda non se recibiu resposta aos recursos interpostos por cada unha das resolucións, recursos nos que se solicitaba que, no referente aos empregados vinculados ao Concello, a regularización se estudase caso por caso e, no referente aos do Padroado, que os traballadores tivesen a consideración de fixos-discontinuos. Con respecto a este asunto tamén se analizou a posibilidade de recoñecerlle a antigüidade a estes traballadores, tal e como solicitaron varios deles tras a resolución da Inspección de Traballo. O Concello amosou a súa disposición a atender esta demanda, para o que, en todo caso, haberá que agardar a coñecer o informe económico de Intervención e a proposta concreta para poder levar a cabo esta medida.

Por outra banda, a reunión desta mañá tamén propiciou que os representantes sindicais amosasen o seu apoio á proposta do Goberno local para elaborar as bases para activar unha bolsa de emprego municipal. A intención do Concello, que xa ten feito o borrador, é seguir o modelo que xa se adoptou noutros procesos de contratación específicos, como o do parking Aldea Grande, o do Lalín Arena ou o do persoal de limpeza. Mediante esta iniciativa, enriquecida coas achegas dos sindicatos, crearíase unha listaxe de traballadores que pasarían a ocupar as vacantes temporais que se producisen ao longo do ano.

Dentro destas bases estaría incluída tamén outra das cuestións que se tratou na reunión desta mañá e que suscitou o acordo cos sindicatos. Trátase da proposta para a contratación de catro conserxes para servizos xerais. A iniciativa está motivada pola finalización do contrato dalgúns traballadores contratados co plan da Deputación, o que fará que queden servizos descubertos no Concello. A incorporación destas persoas pretende facerse no menor prazo de tempo, pero a proposta tamén precisa aínda de informes técnicos e económicos para o seu encaixe administrativo.

Na reunión desta mañá participou o avogado Miguel Diéguez, o xefe de persoal do Concello, Román Pérez, representantes da xunta de persoal e do comité de empresa e membros dos sindicatos CIG, CSIF e CC.OO.

Roteiros de Lalín