OS SERVIZOS SOCIAIS REPARTIRON MÁIS DE 20 MIL QUILOGRAMOS DE ALIMENTOS ENTRE 252 UNIDADES FAMILIARES

OS SERVIZOS SOCIAIS REPARTIRON MÁIS DE 20 MIL QUILOGRAMOS DE ALIMENTOS  ENTRE 252 UNIDADES FAMILIARES
Mércores 26 de Abril de 2017 - O reparto forma parte do programa de axuda alimentaria a persoas desfavorecidas da Comunidade Europea. Os lotes elaboráronse en función do número de membros de cada familia e distribuíronse entre aquelas persoas incluídas en distintos programas de inserción social.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Benestar Social, repartiu nas últimas semanas un total de 22.226 quilogramos de alimentos non perecedoiros dentro da terceira fase do programa de axuda alimentaria a persoas desfavorecidas da Comunidade Europea. En total beneficiáronse desta axuda un total de 252 unidades familiares, un número lixeiramente inferior ao do ano anterior para este mesmo programa (261). Estas familias agrupan un total de 652 persoas que se beneficiaron do programa, das que 360 son mulleres, 292 homes e 196 menores de 15 anos.

Os alimentos que se reparten dentro desta iniciativa forman parte dos excedentes alimentarios comunitarios que son entregados a organismos como o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), que posteriormente os cede ás denominadas organizacións asociadas de reparto para a súa entrega directa entre as familias en situación desfavorecida.

Os lotes de comida elaboráronse en función do número de membros de cada unidade familiar e o reparto realizouse polos Servizos Sociais municipais entre aquelas persoas incluídas en distintos programas de inserción social que cumpren os correspondentes requisitos socioeconómicos. O reparto contou, como vén sendo habitual coa colaboración de numerosos voluntarios e voluntarias que se encargaron para a elaboración dos lotes alimentarios.

Roteiros de Lalín