OS SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE LALÍN INCREMENTARON EN MÁIS DUN 106 POR CENTO A SÚA ACTIVIDADE NO 2016

Venres 31 de Marzo de 2017 - O número total de intervencións realizadas polo departamento en 2016 foi de 3.248, que son 1.677 máis que o ano anterior. As intervencións por número de usuarios individuais subiron máis dun 110 por cento. Os cambios postos en marcha na xestión dende a entrada do Goberno redundaron nunha notable mellora na documentación da actividade deste servizo municipal. Nicolás González Casares salienta o “importante esforzo” das traballadoras e traballadores sociais do Concello e do resto de persoal do departamento.

A actividade realizada polos Servizos Sociais do Concello de Lalín experimentou un ascenso do 106,62 por cento durante o ano pasado. En concreto, en 2016, este departamento levou a cabo un total de 3.248 intervencións, o que supón un aumento de 1.677 con respecto a 2015. Así se desprende das cifras recollidas no Sistema de Información de Usuarios de Servicios Sociais (SIUSS), que é a aplicación informática do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdade onde se recollen os datos básicos dos usuarios de Atención Primaria e que serven como soporte documental para súa xestión.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, explica que precisamente os cambios introducidos na xestión do departamento ao inicio de mandato “permitiu levar a cabo unha notable mellora na recollida da documentación deste servizo municipal e, en consecuencia, no seu funcionamento de cara a incrementar a súa eficacia e resposta ás demandas das veciña e veciños de Lalín”. Nesta liña, o tenente de alcalde explica que “as intervencións que antes non se recollían, non computaban para o Plan Concertado, que é un dos aspectos que valora a Xunta para as súas axudas aos servizos sociais municipais”.

Por iso, Nicolás González Casares salienta o “gran crecemento” rexistrado no número de persoas atendidas entre 2015 e 2016. Este dato arroxa un incremento de case o 60 por cento, ao pasar a 1.773 usuarios atendidos (662 máis en 2016 sobre o ano anterior). En canto a número de intervencións individuais, en 2016 o departamento de Servizos Sociais do Concello de Lalín realizaron un total de 2.928, o que supón 1.535 máis que no ano anterior e, xa que logo, un aumento de máis do 110 por cento. Outro dato “moi significativo” é o que se tira da comparativa entre o número de valoracións realizadas, que en 2016 foi de 3.364 e en 2015 de 1.591, o que implica un incremento absoluto de 1.773 valoración e, polo tanto, dun 111 por cento.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, achaca os bos resultados obtidos nesta comparativa a algunhas das medidas postas en marcha dende a toma de posesión do Goberno de Lalín. Entre elas salienta a implantación dunha unidade de triaxe e primeira atención, que permite avaliar as prioridades e darlles resposta da maneira máis rápida e eficaz posible. Por outra banda, explica que a mellora da calidade nos rexistros públicos tamén están a redundar nunha mellor atención. Finalmente González Casares pon en valor “o importante esforzo que están a realizar as traballadoras e traballadores sociais do Concello, así como o resto do persoal do departamento”.

Roteiros de Lalín