OS RESTAURANTES DO MES DO COCIDO SÚMANSE AO COCIDO DO ORGULLO

OS RESTAURANTES DO MES DO COCIDO SÚMANSE AO COCIDO DO ORGULLO
Luns 15 de Febreiro de 2016 - Os hostaleiros mostraron no transcurso dunha reunión mantida este xoves no concello a mellor das disposicións a colaborar coa iniciativa. Cada restaurante participante será identificado mediante un adhesivo representativo do Cocido do Orgullo.

O alcalde, Rafael Cuíña, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez e os técnicos de igualdade, Susi Payo, e Celso Taboada, mantiveron este xoves unha xuntanza con hostaleiros de Lalín. O encontro tivo a finalidade de solicitar a colaboración dos restaurantes nos actos do Cocido do Orgullo que se celebrará os días 4 e 5 de marzo. A proposta obtivo unha magnífica acollida por parte dos representantes dos locais, de maneira que a inmensa maioría dos que xa participan no Mes do Cocido non dubidaron en sumarse ao Cocido do Orgullo. Deste modo, os restauradores poñen a disposición daqueles que nos visiten durante os actos do Cocido do Orgullo preto de 4.000 prazas nas que se poderá desfrutar do prato rei da gastronomía galega.

Asemade, de modo semellante ao que se leva a cabo no Mes do Cocido, distribuirase entre os establecementos participantes unha adhesivo que identificará aos restaurantes que colaboran na iniciativa. Do mesmo xeito, manterase vixente o compromiso de calidade asinado por cada restaurante e que garante a degustación dun prato elaborado seguindo a receita propia do cocido de Lalín e cos mellores produtos. Nos vindeiros días tamén se imprimirá un díptico informativo que recollerá, ademais da programación, a nómina de restaurantes que cooperan na iniciativa e os prezos por cada comensal, que en xeral se manteñen con respecto ao Mes do Cocido.

No transcurso da xuntanza déuselle a coñecer aos asistentes a programación do Cocido do Orgullo, que foi moi aplaudida. Como se explicou na reunión, “esta non só é unha festa gastronómica e social, senón que contempla o compromiso por parte do Concello de Lalín do desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín