OS RESTAURADORES CERTIFICAN QUE A ACTUAL FOI “A MELLOR TEMPADA DE COCIDO” EN NÚMERO DE COMENSAIS

OS RESTAURADORES CERTIFICAN QUE A ACTUAL FOI “A MELLOR TEMPADA DE COCIDO” EN NÚMERO DE COMENSAIS
Xoves 22 de Marzo de 2018 - Así se extrae das enquisas realizadas polo Concello entre 25 establecementos dos que agás 3, todos indican que este ano foi “moi bo” ou “o mellor que se lembra”. Afirman comezar a servir Cocidos dende o outono e a maioría conta con reservas ata finais de abril e incluso para maio. Francisco Vilariño mostrouse moi satisfeito polos resultados “que son froito do excelente traballo do sector e da aposta do Goberno por seguir impulsando o cocido como un dos motores da economía e da sociedade de Lalín”.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo, unha vez finalizado o Mes do cocido e encarando xa o final do inverno, realizou por primeira vez unha enquisa entre os restaurantes locais que ofrecen cocido para coñecer de primeira man a súa satisfacción, así como o rendemento e outras cuestións xerais relativas á tempada de maior consumo deste prato, que aínda que se comeza a servir coa chegada dos primeiros fríos e se mantén ata ben entrada a primavera, concentra a época forte no primeiro trimestre do ano. Unha vez analizadas detalladamente as respostas de cada establecemento, as conclusións son claras. Tal e como afirma o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño: “Estamos a falar da mellor tempada de cocido da historia en canto a número de pratos servidos e a cantidade de comensais recibidos”. “E isto” -prosegue- “non o afirmo eu, senón que son datos obxectivos e contrastables, aportados polos diferentes restauradores, que nos fan estar moi satisfeitos e orgullosos”.

As enquisas foron realizadas entre os 25 establecementos que participaron no XX Mes do Cocido, que finalizou o pasado 14 de febreiro. Nas preguntas realizadas, ademais de solicitarse unha valoración xeral do ano, tamén se lles preguntou pola época na que empezaron a servir os primeiros cocidos, así como sobre as encargas que manteñen para os vindeiros meses. No relativo á primeira cuestión, os datos son absolutamente positivos e incontestables, pois agás 3 establecementos, todos afirmaron que a presente tempada de Cocido foi “moi boa” en comparación con algunhas anteriores ou incluso van máis aló e manifestan que foi “a mellor que se lembra”. Os restaurantes estiveron a rebosar e xa foron milleiros os comensais que degustaron o prato rei da gastronomía galega nalgún dos establecementos da localidade que aínda seguen enchendo mesas, pois a maioría tamén asegura “ter encargas ata finais de marzo e incluso para abril e maio”. Ata 7 dos locais consultados polo Concello confirmaron ter fixadas varias encargas para o día do Orgullo de Lalín, que se celebra a primeira fin de semana de maio.

En relación á época na que se empeza a servir o prato, a maioría de restaurantes dixeron facelo con maior regularidade dende o mes de novembro, aínda que varios dos locais de referencia de capital do municipio aseguraron comezar a ofrecer cocidos en gran cantidade xa “a partir das festas patronais de setembro e ata que a xente o pida”, de modo que se comproba que o cocido se consume de xeito abundante nos establecementos locais durante a maior parte do ano. Tamén son significativas algunhas informacións aportadas por restauradores, como é o caso dun dos restaurantes con maior aforo do municipio, que dixo ter percibido un cambio de perfil no comensal do cocido e que máis aló dos grupos de adultos “que veñen todos os anos”, este ano se recibiron moitas “pandillas” de mozos e mozas.

Francisco Vilariño non esconde a súa satisfacción ante unhas valoracións tan positivas. “Os datos son magníficos, pois a inmensa maioría dos restaurantes afirmaron que foi o mellor ano en canto a número de clientes”. “Isto” -indica- “reflicte que o cocido de Lalín está nun estado de saúde inmellorable e que o seu crecemento parece non ter teito, mais dende o Goberno municipal non nos imos conformar e imos seguir traballando para facer que en cada edición o beneficio que lle carrexa o cocido ao noso municipio sexa maior”. O concelleiro aproveitou para darlle os parabéns aos establecementos ante este éxito rotundo “pois o excelente rendemento desta tempada débese en gran medida ao magnífico traballo deste sector, pero non me cansarei de dicir que o éxito final é colectivo e reside en todo o pobo polos beneficios que o cocido aporta cada ano ao noso concello, tanto a nivel económico como social e cultural”. “Dende o punto de vista turístico” -sinala- “o cocido é un motor, posto que a xente que nos visita para degustalo crea sinerxías con outros sectores, pois merca no comercio e fai uso de diferentes servizos, enriquecendo en conxunto o noso municipio”.

Nesta liña, o edil tamén atribuíu o éxito aos esforzos que vén realizando o Goberno por seguir impulsando o cocido como un dos principais reclamos do noso municipio para atraer visitantes e para xerar riqueza. “Dende o Concello de Lalín destinamos cada ano ao cocido unha gran cantidade de recursos, tanto humanos como económicos, para difundilo e promocionalo a través de diferentes iniciativas, pois somos conscientes do seu enorme potencial”. “Porén” -conclúe- “estamos moi satisfeitos de que o traballo dende o Goberno, xunto co aposta dos establecementos lalinenses para elevar o Cocido de Lalín ás súa máximas cotas de calidade e prestixio, dea como resultado que cada ano sexan máis os visitantes que se achegan ao noso municipio para degustar este prato, impulsando a economía e a sociedade lalinense”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín