OS PERMISOS PARA A REALIZACIÓN DAS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN DEBERÁN PEDIRSE NO CONCELLO ANTES DO 21 DE XUÑO

OS PERMISOS PARA A REALIZACIÓN DAS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN DEBERÁN PEDIRSE NO CONCELLO ANTES DO 21 DE XUÑO
Mércores 14 de Xuño de 2017 - Desde a Concellería de Medio Ambiente lémbrase que as cacharelas non poderán superar os 4 metros de diámetro nin os 3 metros de altura.

A Concellería de Medio Ambiente informa da obrigatoriedade de solicitar permiso para realizar as tradicionais fogueiras de San Xoán na noite do venres 23 de xuño. As solicitudes de autorización deberán presentarse no rexistro do Concello de Lalín ata o 21 de xuño (inclusive) para a súa posterior remisión á Consellería do Medio Rural, que se encargará do seu control e seguimento.

As fogueiras non poderán superar os 4 metros de diámetro nin os 3 metros de altura. A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que podan resultar danados, será como mínimo de 12 metros. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non haxa almacenados produtos inflamables nin zona forestal no redor.

Non se poderán queimar pneumáticos, plásticos, aceites, etc., e en xeral calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos. Así mesmo coidarase de non botar lume aos recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión aínda cando estean baleiros.

No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público lousados ou asfaltados e pintados, os organizadores encargaran se de protexer o pavimento de pintura cunha capa de area de 10 centímetros en toda a superficie da fogueira que deberán retirar unha vez finalizada a actividade. Ao finalizar a fogueira e antes de abandonar o lugar desta os responsables da organización coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas.

En todos os casos os organizadores serán responsables dos danos que puideran ocasionar a terceiros.

Roteiros de Lalín