ONCE ASOCIACIÓNS E ENTIDADES COLABORAN XA NA CAMPAÑA “NINGÚN NENO E NENA SEN XOGUETE 2017”

ONCE ASOCIACIÓNS E ENTIDADES COLABORAN XA NA CAMPAÑA “NINGÚN NENO E NENA SEN XOGUETE 2017”
Xoves 14 de Decembro de 2017 - O Concello fai un chamamento á participación, a través de achegas individuais, da colocación de puntos de recollida ou da posta en marcha de iniciativas solidarias propias. A campaña ten o obxectivo de entregar un agasallo por Nadal aos menores de familias en risco de exclusión social e, ao mesmo tempo, fomentar a solidariedade. Carrefour, Pontiñas Gadis, Geriatros, Nosa Señora das Dores, os IES Laxeiro e Aller Ulloa colocaron puntos de recollida, mentres a Praza de Abastos, asociacións de Barcia e Soutolongo e a EF Lalín realizan iniciativas solidarias propias. O desván municipal funciona como un dos puntos de entrega directa de xoguetes, roupa e outro útiles.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Benestar Social, fai un chamamento a todas as persoas a título individual, así como a empresas, asociacións, colectivos ou entidades do tecido social lalinense que estean interesadas, a colaborar coa campaña Ningún neno e nena sen xoguete 2017. Esta iniciativa ten o obxectivo de entregar un agasallo por Nadal aos menores de familias en risco de exclusión social do municipio e, ao mesmo tempo, fomentar a solidariedade como valor inspirador entre as persoas e os grupos sociais, atendendo especialmente á ilusión dos máis novos. As persoas ou entidades interesadas en colaborar, non teñen máis que poñerse en contacto co Concello no 986 78 70 60 para solicitalo ou recibir máis información.

Polo de agora xa son 11 as entidades ou asociacións que se sumaron á iniciativa. Colocáronse puntos de recollida no IES Laxeiro e no IES Aller Ulloa, así como nos centros comerciais, Carrefour e Pontiñas Gadis, onde permanecerán para recibir entregas de material ata o 3 de xaneiro. Tamén se instalaron “box” de recollida de xoguetes nas residencias Geriatros e Nosa Señora das Dores. Asemade, a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Lalín doou dúas cestas con produtos gourmet valoradas en 100 euros para sortear. Unha foi entregada por parte do concelleiro, Nicolás González Casares, ás asociacións de Mulleres en Igualdade de Soutolongo e á Asociación Cultural “A nosa escola” de Soutolongo, mentres a outra se entregou á Asociación de Mulleres en Igualdade de Barcia. A recadación polo sorteo das cestas será destinada a mercar xoguetes nunha tenda local para cubrir as necesidades da campaña. Por outra banda, a Escola de Fútbol de Lalín recollerá xoguetes a próxima semana (18 ao 23 de decembro) no horario de adestramentos e organizará un partido solidario entre nais/pais/adestradores e cativos/as o próximo sábado, día 23 de decembro, no que se recibirán xogos e xoguetes a modo de entrada.

Desván municipal

Mañá, xoves, o desván municipal permanecerá aberto no seu horario habitual (10.00 - 13.00 e 16.00 - 18.00) para a recepción e entrega de roupa, calzado e enseres varios. Non obstante, os próximos xoves, días 21 e 28 de decembro, así como o 4 de xaneiro de 2018, manterá o seu horario de apertura, pero adicándose unicamente á recepción e clasificación de xoguetes destinados á campaña “Ningún neno e nena sen xoguete 2017”. Este espazo asígnase como punto para a realización de doazóns anónimas, ademais de servir como punto de selección e almacenaxe do material doado durante estas semanas. O desván está situado no número 14 da rúa Memorias dun neno labrego.

Os beneficiarios do proxecto son aquelas familias do municipio que se encontren en situación de desvantaxe social con menores de idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos. Así, a primeira fase da campaña, xa executada, consistiu na elaboración por parte dos empregados de Benestar Social dunha listaxe de familias que opten a entrar en Ningún neno e nena sen xoguete 2017. Poderanse aportar xoguetes, xogos educativos, material escolar, roupa etc. Durante todo o mes de decembro irase procedendo á selección de agasallos segundo o seu estado de uso, reutilizándose a aqueles que estean en bo estado e e reciclándose aqueles que non. Por último, asignaránselle os agasallos a cada menor de cada unidade familiar seleccionada, procedendo á entrega dos mesmos o día 5 de xaneiro, coincidindo co día de Reis. 

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín