AS OBRAS DA ESTRATEXIA LALÍN SSUMA21 COMEZARÁN COA CONSOLIDACIÓN DA ESTRUTURA DAS ANTIGAS CASAS DOS MESTRES DO COLEXIO MANUEL RIVERO

AS OBRAS DA ESTRATEXIA LALÍN SSUMA21 COMEZARÁN COA CONSOLIDACIÓN DA ESTRUTURA DAS ANTIGAS CASAS DOS MESTRES DO COLEXIO MANUEL RIVERO
Xoves 8 de Marzo de 2018 - O proxecto permitira reparar as deficiencias estruturais dos inmobles para garantir a seguridade das persoas que traballen na súa rehabilitación. A intervención inclúese no Plan de recuperación social barrio do Manuel Rivero que suporá a rexeneración urbana do entorno deste antigo centro educativo. González Casares sinala que, aínda que é unha intervención de pequena dimensión, trátase do primeiro paso de cara a realización dunha das actuacións máis importantes das incluídas dentro da estratexia DUSI “Lalín Ssuma21”.

O concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín vai dar comezo en poucos días á que será a primeira obra física executada con cargo aos fondos europeos da estratexia DUSI “Lalín Ssuma21”. Concretamente, esta primeira actuación enmárcase dentro do plan de recuperación social do barrio do Manuel Rivero e consistirá na consolidación da estrutura das vivendas número 3 e 5 desta rúa, co obxectivo de solucionar as carencias estruturais detectadas nestes edificios e facilitar a seguridade como paso previo ás actuacións de rehabilitación que se van levar a cabo nestes inmobles e no entorno. A obra vén de ser adxudicada por 23.750 euros a Vilariño Movimiento de Tierras y Obras S.L, que presentou a oferta máis vantaxosa entre as 5 rexistradas.

O Plan de recuperación social do Barrio do Manuel Rivero suporá a rexeneración urbana da área deste antigo centro educativo mediante un investimento que roldará o millón de euros. Unha das fases desta intervención que busca evitar o deterioro da zona e aumentar o seu interese social, consiste na rehabilitación parcial das vivendas con fins sociais. Esta obra vai comezar a ser executada a través do obradoiro de emprego Rivero Social Lalín, motivo polo que se fan necesarias as mencionadas obras previas, tal e como xustifica o arquitecto urbanístico do Concello de Lalín. Os inmobles presentan un deficiente estado de conservación con danos estruturais na cimentación que é urxente arranxar en aras de garantir a seguridade das persoas que posteriormente traballen no seu acondicionamento.

A xuízo técnico as deficiencias estruturais débense a asentos diferenciais na cimentación do edificio provocados polo lavado do terreo de apoio dos muros de cimentación da edificación debido á vertedura incontrolada de augas pluviais dende a cuberta, ao carecer de arquetas de recollida na súa fachada traseira, así como ao mal estado do colector existente na beirarrúa xunto á fachada principal, que provoca o lavado do terreo e os conseguintes afundimentos na cimentación. Xunto con esta situación engádese a existencia dun oco de paso duns 2 metros de lonxitude e de solo a teito no muro de carga medianeiro entre as edificacións nº 3 e 5. Para solucionar esta situación o proxecto a executar consistirá no recalce parcial da cimentación (reparación dos cimentos) existente nas zonas afectadas, así como na colocación dun colector enterrado para a evacuación das augas pluviais que verten ao patio exterior. Así mesmo, considerase necesaria a substitución e reposición parcial de soleiras en locais da planta baixa debido ao seu afundimento. As alternativas de actuación pasan pola consolidación da cimentación mediante o seu reforzo e ampliación a través de inxeccións de formigón armado.

O proxecto técnico para a execución desta actuación foi realizado polo técnico municipal e unha vez sexa asinado o contrato coa empresa adxudicataria os traballos deberán estar rematados no prazo máximo dun mes.

González Casares sinala que, aínda que a reparación da estrutura das vivendas é unha intervención de pequena dimensión, trátase do primeiro paso de cara a realización dunha das actuacións máis importantes das incluídas dentro da estratexia DUSI Lalín Ssuma21, que se financiará con fondos da Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como é a recuperación do barrio do Manuel Rivero. Este proxecto recentemente presentado ante a cidadanía servirá poñer en valor unha superficie de máis de 3.500 metros cadrados e avanzar nun novo modelo de vila, ao tempo que se recupera para o desfrute da veciñanza unha zona que levaba anos en estado de abandono.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín