O PROXECTO DE ORZAMENTOS CONTEMPLA UN AUMENTO DO 36,5% NA CANTIDADE ASIGNADA AO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR EN 2017

O PROXECTO DE ORZAMENTOS CONTEMPLA UN AUMENTO DO 36,5% NA CANTIDADE ASIGNADA AO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR EN 2017
Venres 7 de Abril de 2017 - O compromiso orzamentario do Concello é de 638.000 euros, fronte aos 467.090 propostos inicialmente en 2016. González Casares fai fincapé no gran esforzo económico realizado por parte do Goberno local para afrontar un servizo imprescindible para moitos veciños e veciñas de Lalín.

O Concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, fixo hoxe pública a previsión orzamentaria do Concello de Lalín para o ano 2017 destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Os datos ofrecidos destacan polo aumento expoñencial con respecto a anos anteriores, na cantidade de diñeiro asignada a cubrir este servizo asistencial que presta unha axuda imprescindible en moitos fogares lalinenses onde residen persoas con algún tipo de dependencia. Así, o Goberno de Lalín realizou unha previsión orzamentaria de 638.000 euros para o SAF no exercicio 2017, mentres que o valor inicial orzamentado en 2016 foi de 467.090 euros. Trátase, polo tanto, dun 36,59% máis. Non obstante, é preciso destacar que o aumento de diferentes partidas provocou que o gasto final no SAF en 2016 ascendese a 556.196.

O edil de Benestar destaca que as cifras reflicten como en pouco máis dun ano o montante económico consignado para esta prestación social se incrementou en máis dun 35%. Un incremento -explica- que afecta tanto á modalidade de dependencia, que pasa dun valor inicial de 397.090 euros en 2016 a 545.000 en 2017 (+37,25), como á de libre concorrencia, que de 70.000 euros iniciais e 77.100 de gasto final o ano pasado, pasa agora a unha previsión de 93.000 (+36,595).

González Casares fai fincapé no gran esforzo económico por parte do Goberno de Lalín para afrontar un servizo ao que en total se prevén destinar 170.910 euros máis que o inicialmente proposto nos orzamentos de 2016. En palabras do concelleiro, “este grandísimo impulso na cantidade económica asignada ao Servizo de Axuda no Fogar pon de manifesto, novamente, que o Goberno local se está a centrar nas políticas sociais de xeito prioritario”. “O compromiso orzamentario para afrontar esta prestación” -engade- “é necesario para garantir a mellor atención no seu domicilio a todas as persoas con algún tipo de dependencia que o precisen”. Neste sentido, o tamén tenente de alcalde reivindicou a importancia desta prestación “que merece o maior dos esforzos por parte do Concello, xa que permite facilitar o desenvolvemento persoal dos usuarios e beneficia ao conxunto da unidade familiar”.

Roteiros de Lalín